Brasil aproba o bloqueo e prohibición de uso de X

venres, 30 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos días puidemos ver como escalou o conflito entre o Tribunal Supremo do Brasil e X, e finalmente hoxe o maxistrado Alexandre de Moraes ordenou a suspensión inmediata e completa do funcionamento de X en todo o territorio do Brasil até que a compañía cumpra coas esixencias das autoridades xudiciais e satisfagan as sancións económicas impostas (que actualmente supera os 18 millóns de reais, o que serían preto do 3 millóns de euros), así como tamén deberá contar cun representante legal no Brasil.
Tras esta resolución xudicial o presidente da Axencia Nacional de Telecomunicacións (Anatel) deberá adoptar as medidas precisas para garantir o bloqueo de X no Brasil, instándose tamén a Apple e a Google a retirada da aplicación de X nas súas tendas dixitais para o Brasil. As diferentes medidas técnicas contra X deberán ser efectivas antes de 5 días.
Cómpre salientar que a resolución aprobada hoxe inclúe tamén multas diarias de 50.000 reais (uns 8 mil euros) a persoas e empresas que empregasen «subterfuxios tecnolóxicos» (como o uso de conexións mediante VPN) para manter o uso de X, sen prexuízo doutras sancións nos ámbitos civil e criminal. Temos así que non só levantarían barreiras técnicas contra o uso de X no Brasil, senón que tamén prohibirían a publicación en tal plataforma por parte de cidadáns brasileiros, no que semella ser o bloqueo deste tipo máis drástico que se viu nunca.
A resolución xudicial detalla os motivos que levaron a esas medidas tan drásticas, ou sexa, que dá conta dos casos específicos nos que X negouse a colaborar coas autoridades xudiciais cando se lle ordenou o bloqueo de varias contas de usuario consideradas responsables de campañas de desinformación organizadas e unha tentativa de golpe de Estado (bloqueos que Google en YouTube e Meta en Instagram e Facebook efectuaron en tempo e forma). Indícase como os representantes de X non atendían ás demandas xudiciais só poñían atrancos en vez de favorecer a comunicación coas autoridades como era a súa obriga, mentres que Elon Musk declaraba o seu desprezo polas decisións xudiciais brasileiras.
Tamén consideran preocupante que X se sitúa á marxe da lei brasileira ás vésperas das eleccións municipais de 2024, e consideran imporante tomar medidas para evitar a súa manipulación instrumentalizando as redes sociais.
O que tamén argumenta a resolución, dun xeito discutible, é que X e Starlink forman parte dun mesmo grupo económico, o que abre a porta a unha interpretación recollida no Dereito brasileiro que permite a responsabilidade solidaria das empresas, ou sexa, o que xustifica o abraiante bloqueo das contas de Starlink por mor das sancións non pagadas por X (que xa foi recorrida por vía xudicial).