Bruxelas distingue a ferramenta EMi, dispoñíbel en 54 oficinas de emprego de Galicia

luns, 25 de novembro do 2024 S. P.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, recollerá este xoves 28 en Bruxelas o premio que outorga Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea á Xunta de Galicia polo desenvolvemento a ferramenta EMi, que está dispoñíbel nas 54 oficinas de emprego da nosa terra.
Este software enmárcase na “modernización e mellora da eficacia” que está levando a cabo o Goberno galego no Servizo Público de Emprego de Galicia e ten a vantaxe de “casar oferta e demanda laboral co apoio da Intelixencia Artificial para, en última instancia, optimizar as oportunidades laborais da cidadanía e a competitividade do tecido empresarial”, destacou a Consellería, salientando que o dito recoñecemento é unha mención especial dentro dos premios aos mellores casos que concede esta entidade no marco da Asemblea GovTech Connect: Aproveitando a innovación en Europa para os servizos públicos do mañá. Trátase dunha iniciativa que recoñece ás administracións públicas e aos seus socios tecnolóxicos o uso innovador das tecnoloxías emerxentes, como a IA e a cadea de bloques (blockchain) dentro das institucións en Europa.
Esta mención especial é a maiores das dúas categorías coas que conta o certame, unha na que se premia a mellor solución a nivel de eficiencia dentro das administracións públicas e outra na que se recoñece a mellor solución no ámbito dos servizos prestados aos cidadáns. Nesta edición, presentáronse un total de 32 casos, dos cales 14 foron preseleccionados tras unha avaliación previa. Deste xeito, dáse visibilidade ás boas prácticas do uso das novas tecnoloxías no sector público.
No caso de Galicia,o software EMi está como dixemos dispoñíbel nas 54 Oficinas de Emprego de Galicia. A súa función principal é o perfilado competencial, coa finalidade de facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións para aumentar a empregabilidade dos galegos e galegas, contribuír á cobertura de vacantes laborais e a incrementar a competitividade do tecido empresarial.