CINFO amosa na Feira IBC de Amsterdam as súas avanzadas solucións de vídeo na nube

martes, 6 de setembro do 2016 Redacción

Entre os vindeiros 9 e 13 de setembro, a firma CINFO, filial de R (o operador de telecomunicacións de raizame galega), estará presente por segundo ano consecutivo na súa caseta da Feira IBC, a gran cita das novas tecnoloxías de Amsterdam, para amosar os seus produtos máis destacados en materia de xeración de vídeo na nube en tempo real e metadatos. Segundo informa CINFO dende a súa sede da Coruña (Edificio CITIC), a Feira IBC é a xuntanza máis importante de Europa adicada ás novas tecnoloxías aplicadas á televisión e as comunicacións.
Polo que respecta aos produtos que CINFO ten proxectado debullar ante o público do evento, céntranse para comezar en solucións para a xeración de vídeo en tempo real en servidores aloxados na nube, unha práctica que segundo a empresa galega permite “achegar valor ás plataformas de TV ofrecendo varios servizos, como por exemplo as emisións multicámara ou a construción de mosaicos de canles con custos axustados e con gran facilidade para escalar o número de usuarios”. Precisamente unha das tecnoloxías que estará dispoñíbel para demostracións na caseta de CINFO será a súa tecnoloxía multicámara, un sistema “que foi avaliado positivamente por unha chea de clientes e titulares de dereitos de vídeo” e que, en palabras da firma da Coruña, “ofrece unha experiencia de emisión en multiperspectiva que é consistente en distintas plataformas, incluíndo tabletas, smartphones, computadoras persoais e descodificadores de cable, IPTV ou HbbTV”.
Outros produtos de CINFO, coma o xerador de mosaicos para TV, poderanse probar tamén no IBC, con novas opcións coma o funcionamento mellorado para múltiples saídas 4K e interfaces simplificadas con cabeceiras existentes.
Tamén se poderán ver os sistemas de fogar dixital para MSO, integrados co ecosistema televisivo. Ou, igualmente, as solucións de metadatos de produtos audiovisuais, uns recursos que achegan aos usuarios de televisión información de valor (básica ou estendida) sobre os eventos en emisión e os que están por vir. Segundo informa CINFO, “a extensión dos servizos de televisión, facendo que os espectadores poidan decidir o momento e o formato no que gozar dos contidos non fixeron máis que incrementar a importancia deste tipo de información para as distintas plataformas de TV”. De feito, engade a empresa galega, as ofertas de Vídeo on Demand (Vídeo Baixo Demanda), televisión a través de Internet (Over The Top), sistemas de gravación personalizados, etc, “requiren dunha información máis espallada e rica para decidir o consumo dun produto, tanto de ficción (filmes, series) coma doutro tipo (concursos, deportes, etc)”. É aí onde entran en xogo as súas solucións de metadatos de CINFO.

PUBLICIDADE