Cabozo.com incorpora o servizo de videoconferencia á súa web
mércores, 27 de outubro do 2010
Malia que tan só leva un ano e oito meses en
funcionamento, a rede social galega Cabozo.com, xa vén de adiantarse a outras
curmás súas que a superan en anos e en número de usuarios na Rede e acaba de
estrear unha nova versión 3.0 á que, entre outras cousas, se lle incorpora o
servizo de videoconferencia.
Esta ferramenta, posta a andar por Antonio
Mariño e Ánxel Folgueira, está a piques de chegar aos 3.000 usuarios rexistrados
e ¿que mellor maneira de celebralo que presentar a nova versión que permite
facer videoconferencias con outros usuarios?
En concreto, o servizo permite manter
videoconferencias con ata catro persoas ao mesmo tempo así como dispor dunha
canle propia na que emitir en directo os nosos vídeos para que o resto de
usuarios de Cabozo os poidan ver.
Asemade, Cabozo, na súa teima por ofrecerlle
aos usuarios e usuarias da súa web as
máximas facilidades para interactuar con outras redes sociais e medios galegos,
vén de crear o Botón Cabozo, que
permite o intercambio de contidos. Para poder usalo, as persoas interesadas
deben descargar a
aplicación e incorporala ao seu blog ou web.
Porén as posibilidades de intercambio de contidos
non só quedan nos nosos lindes (virtuais) senón que dende hai aproximadamente
un mes, as persoas usuarias de Cabozo.com poden interactuar dende Facebook
e Twitter, dúas das redes sociais
máis populares a nivel internacional nas que Cabozo ten presenza.
Cabe recordar que Cabozo é a primeria web
que porta o selo Código Bravú, que eles mesmos promoven e que ten como
obxectivo, segundo afirman, “converterse
nunha iniciativa a través da cal fomentar o desenvolvemento de aplicacións web
creadas en Galicia ou para os galegos baixo código propio ademáis de destacar e
identificar as xa existentes”.
Porén o servizo de videoconferencia non é
a única novidade presentada polos responsables de Cabozo; entre as achegas que
recolle a nova versión destacan, o servizo de aviso por correo electrónico, os
avisos das actualizacións dos “colegas”,
o visionado das actualizacións de outros usuarios, actualización en tempo real
de todas as aplicacións, reprodutor de mp3 adxunto ás mensaxes, posibilidade de
personalizar os taboleiros propios de cada usuario, un Tabomobil que facilita o envío de mensaxes e novas ferramentas que
permiten unha maior difusión e visionado das fotos, entre outras cousas.