Caixanova dá a coñecer aos gañadores da terceira edición do seu simulador empresarial

mércores, 29 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Caixanova entregou esta tarde en Vigo os premios da terceira edición do simulador empresarial Play!, unha iniciativa da súa Escola de Negocios que se basea en achegarlle á mocidade galego-portuguesa experiencias case reais de actividade de negocios a través do emprego das novas tecnoloxías. Segundo sinala a entidade financeira, que nesta convocatoria conseguiu que participasen máis de 3.000 alumnos de Bacharelato do noso país e de Ensino Secundario de Portugal, as cifras acadadas este ano en materia de implicación foron especialmente salientable: inscribíronse no certame un 30% máis de rapazas e rapaces có ano pasado. O xogo Play!, posto en marcha en colaboración con Praxis, incluíu unha vez máis unha presenza importante das novas ferramentas tecnolóxicas, representadas en boa medida a través dun software específico deseñado para que o día a día da empresa virtual que dirixen os alumnos sexa o máis semellante posible á realidade. Asemade, a organización potenciou este ano as funcionalidades da web que soporta a simulación, play.novaxove.com, entre as que se incorporou un foro, un blog, un chat e fotoblogs para que os participantes puidesen (entre outras cousas) pendurar os anuncios comerciais das súas respectivas iniciativas de negocio.
O reto deste ano era, particularmente, levar ao éxito empresarial a unha firma con dous produtos en carteira, leite e iogures. Por certo que a última proba celebrouse o sábado 18 de abril no Centro Social Caixanova de Vigo.
A clasificación, feita pública hoxe mesmo coincidindo coa entrega de premios, quedou deste xeito:
1ª posición: equipo PROSIKITO 2 del IES de Foz (Lugo).
Premios: un ordenador portátil para cada un dos membros do equipo, tamén para o titor, e un ordenador para el colexio. Unha bolsa de 6.000 € para cada alumno participante para empregar en programas da Escola de Negocios Caixanova, cunha validez de dez años.
2ª posición: equipo RASH-MARX ENTERPRISES, del IES San Tomé de Freixeiro de Vigo (Pontevedra).
Premios: unha consola Sony PlayStation 3 para cada alumno e tamén para o titor.
3ª posición: equipo LAMANOTA, do IES David Buján (Sigrás - A Coruña)
Premios: unha consola Nintendo Wii para cada alumno e tamén para o titor.
4ª posición: equipo BALUKA, da Escola Secundária Aurélia de Sousa (Porto -Portugal)
Premios: unha consola Nintendo DSi para cada alumno e tamén para o titor.
5ª posición: equipo SICATABEAN, do IES Universidade Laboral (Ourense)
Premios: un Ipod para cada alumno e tamén para o titor.
Polo que respecta ao certame publicitario Publicita-t, a clasificación final é a que segue:
-Mellor spot publicitario
1ª posición: equipo CORGOLÁCTEO, da Escola Secundária San Pedro (Vila Real – Portugal)
-Mellor logotipo e imaxe comercial
1ª posición: equipo LOS PRODUCTORES, do Colegio Montecastelo (Vigo), coa marca ‘Leche Lacta’.
Cada un dos membros do equipo gañador en cada unha das categorías recibirá unha Nintendo Wii.