Captioma Elementals de Ourense e Mega Builder Team de Ribeira representarán a Galicia na final da FIRST LEGO League
luns, 24 de febreiro do 2025
Máis de 350 mozos e mozas de entre 5 e 16 anos participaron este sábado na décimo primeira edición da FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) que tivo lugar no Campus Industrial de Ferrol. As presentacións dos proxectos de innovación realizáronse na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) mentres que o xogo do robot disputouse no Pavillón de Esteiro. Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Ferrol acolleu o acto de entrega de premios, xa en horario de tarde, ao que asistiron participantes, autoridades e familias.
Logo dunha intensa mañá de presentacións, probas e de moitos nervios, o equipo Captioma Elementals, da Academia Captioma Galicia de Ourense, acadou o Primeiro Premio Ingenier@ Soy ao Gañador. Pola súa banda, o equipo Mega Builder Team do Centro de Formación MEGA Ribeira, logrou o Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador. Deste xeito, ambos os dous equipos conseguen clasificarse para participar na Gran Final Nacional da FIRST LEGO League que terá lugar o vindeiro 29 de marzo no Campus Industrial de Ferrol.
O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, foron os encargados de entregarlles os trofeos e diplomas aos dous equipos gañadores. Con todo, no acto de entrega de galardóns tamén participaron a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; o concelleiro de Seguridade Cidadá, SPEIS, Patrimonio e Bens Inmobles do Concello de Narón; José Oreona;, a responsábel das Áreas de Emprego, Industria, Política Demográfica y Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García; e o responsable de Transformación Dixital e Industrial de Navantia, Rafa Morgade, entre outras autoridades.
• Primeiro Premio Ingenier@ Soy ao Gañador – Captioma Elementals, Captioma Galicia SL (Ourense).
• Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador – Mega Builder Team, MEGA Ribeira (Ribeira, A Coruña).
• Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST – Ctrl+T, IES As Telleiras (Narón, A Coruña).
• Segundo Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST – ROBOT CITY POBRA, MEGA Ribeira (Ribeira, A Coruña).
• Primeiro Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación – MontecasteloBOT, Colexio Montecastelo (Vigo, Pontevedra).
• Segundo Premio ICOIIG ao Proxecto de Innovación – Os robots do pazo, IES de Fene (Fene, A Coruña).
• Premio ao Deseño do Robot – Team Krakern (Avilés, Asturias).
• Premio ao Comportamento do Robot – Captioma Elementals, Captioma Galicia SL (Ourense).
• Premio .GAL ás Novas Promesas – The Electrics, e-makers Lab (Narón, A Coruña).
• Premio GABADI á Excelencia en Enxeñaría - Sea Savers, Gazapo Xestión SL (Narón, A Coruña).
• O recoñecemento ao Compañeirismo – Os Muxes, Gazapo Xestión SL (Narón, A Coruña).
• Premio ao/á adestrador/a – David García, do equipo Team Kraken.
• Nominación National Innovation Award – MontecasteloBOT, Colexio Montecastelo (Vigo, Pontevedra).
A Universidade da Coruña (UDC), a través do Campus Industrial e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), e en colaboración con Ingeniera.soy, organizou, na cidade departamental, a décimo primeira edición da FIRST LEGO League Galicia, un campionato no que participaron un total de 53 equipos (27 na categoría FLL Challenge, 22 na FLL Explore e 4 na FLL Discover). O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra, puido seguirse en directo a través da canle de YouTube da FLL Galicia.
Colaboraron nesta iniciativa, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social – dependente da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración –, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gabadi, Gadis, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.
Que é a FIRST LEGO League?
A FIRST (siglas de For Inspiration and Recognition of Science and Technology) LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas gozan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
Desde o ano 2022, a asociación Ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posíbel grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.