Carballo e a Cruz Vermella volven xuntar forzas para dixitalizar ás persoas maiores

venres, 3 de febreiro do 2023 S. P.

A Concellaría de Terceira Idade de Carballo vai organizar máis actividades formativas para reducir a fenda dixital no concello, a que separa á xente que vive plenamente nas novas tecnoloxías da que non conta cos recursos de capacitación e alfabetización dixital para tirarlles partido, xeralmente persoas maiores. Así, por terceiro ano consecutivo puxo en marcha cursos para que este colectivo poida mellorar o manexo do teléfono móbil.
De novo contarase para o desenvolvemento destas actividades co apoio da Cruz Vermella, “para achegar ás persoas participantes os coñecementos básicos sobre o funcionamento dos dispositivos e as aplicacións que lles poden resultar de máis utilidade no seu día a día, como enviar unha fotografía a un familiar ou pedir unha cita para o médico sen necesidade de chamar ou achegarse ata o centro de saúde”.
O primeiro curso do ano celebrouse no Centro Social Escola de Arrabaldes, no barrio da Milagrosa, coa participación de 15 persoas. Os/as participantes recibiron a visita do alcalde, Evencio Ferrero, e da concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, que se interesaron polos avances conseguidos. Tamén se celebrou no Centro Social de Aldemunde, os días 24, 25 e 31 de xaneiro.
Estes son os que están pendentes:
Rus (centro social): 1, 7 e 8 de febreiro
Vilela (centro social): 14,15 e 22 de febreiro
Carballo (lugar por definir): 23 e 28 de febreiro e 2 de marzo
As persoas que queiran participar poden anotarse:
A través das asociacións da súa parroquia e/ou dos consellos parroquiais.
Na Biblioteca Rego da Balsa.
Enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal

PUBLICIDADE