Carolina Iglesias, co-presentadora do podcast Estirando el Chicle, estará o día 7 na UDC

venres, 3 de febreiro do 2023 S. P.

O Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da Universidade da Coruña organiza o vindeiro martes, 7 de febreiro, un encontro con Carolina Iglesias, cómica e co-presentadora do exitoso podcast Estirando el Chicle. O acto, de acceso libre, será no Paraninfo da Reitoría ás 17:30 horas. Comezará cunha presentación institucional a cargo da vicerreitora da Igualdade, Cultura e Deporte, Cristina López Villar; a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña, Yoya Neira Fernández; e a directora do CEXEF, Teresa Piñeiro Otero.
Logo do acto de presentación comezará o relatorio. Carolina Iglesas falará de diversos temas relacionados co feminismo dende a súa traxectoria como cómica, podcaster e creadora de contido. Este conversatorio, aberto á participación do público, terá unha hora de duración aproximada.
A cita forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio do CEXEF da UDC do Concello da Coruña titulado Investigación sobre as desigualdades e diversidades que desembocan en colectivos sociais marcados polas características especiais de vulnerabilidade e precariedade, con especial atención á incidencia da violencia contra as mulleres.
No marco deste convenio realizáronse diversas actividades de formación e sensibilización arredor das diversas desigualdades e violencias de xénero e do fornecemento de ferramentas para a súa reversión. Entre estas actividades desenvolvéronse diversos obradoiros destinados ao alumnado de secundaria e formación profesional de diversos centros educativos da cidade no eido da actividade física e o deporte, o podcasting, as violencias dixitais, e a menstruación ecosaudábel. Organizáronse tamén dous obradoiros abertos á cidadanía de podcast feminista. Como complemento o CEXEF realizou DIXITVall un pequeno proxecto de sensibilización-formación contra as violencias machistas dixitais que deu lugar a contidos multimedia dirixidos á mocidade, ademais dun curso virtual e unha micro acción formativa a través de mensaxería instantánea.
Carolina Iglesias
Defínese como cómica, presentadora e creadora de contidos. Actualmente co-presenta Estirando el Chicle un dos podcast de meirande éxito a nivel español, co que encheron o Wizink Center batendo récords en espectáculos de comedia en vivo. Á súa vez ten o seu propio podcast CAROLATE para Spotify e co-presenta o recentemente estreado programa Días de tele presentado por Julia Otero en RTVE. Tamén se a pode ver co-presentando LOL Si te ríes pierdes xunto con Silvia Abril en Prime Video. Ademais do formato orixinal Parecidos cuestionables tamén para Prime Video. Compaxina o seu traballo en medios audiovisuais coa creación de contidos en YouTube e Instagram onde conta con máis de 500.000 seguidores entre ambas.

PUBLICIDADE