ChatGPT permite explorar o coñecemento das empresas

venres, 24 de outubro do 2025 Redacción

OpenAI presentou Company Knowledge, unha nova funcionalidade dispoñible para os plans Business, Enterprise e Edu de ChatGPT, que permite ao asistente acceder ao contexto das ferramentas internas dunha organización (como Slack, SharePoint, Google Drive ou GitHub) para ofrecer respostas adaptadas á realidade de cada empresa.
A idea parte dunha constatación: moita da información necesaria para tomar decisións ou avanzar nun proxecto atópase dispersa entre documentos, correos, mensaxes e xestores de tarefas. Company Knowledge integra todos eses datos e permite que ChatGPT poida consultalos de maneira unificada, respectando en todo momento os permisos e niveis de acceso que xa existen en cada compañía. O modelo que sustenta esta nova función é unha versión de GPT-5 adestrada para buscar e combinar información procedente de múltiples fontes, con respostas acompañadas de citas e fragmentos exactos de onde proceden os datos.
OpenAI explica que esta integración permite accións como xerar informes a partir de correos e documentos de campañas, preparar reunións con clientes combinando notas, mensaxes e incidencias, ou planificar lanzamentos revisando tarefas pendentes en GitHub, Linear ou Slack. O usuario pode seguir o proceso en tempo real desde a barra lateral, vendo que fontes se consultan e que fragmentos se empregan.
A empresa garante que a privacidade dos datos está protexida mediante cifrado estándar, acceso con inicio único (SSO), listaxes de enderezos IP permitidos e control administrativo detallado. Ademais, os datos non se usan para adestrar modelos e os administradores de Enterprise poden auditar as conversas mediante a API de cumprimento normativo.
Por agora, Company Knowledge debe activarse manualmente ao iniciar unha conversa, e mentres está activo non é posible empregar a busca web nin crear gráficos ou imaxes. OpenAI adianta que nos vindeiros meses integrará todas estas funcións nunha mesma experiencia e engadirá compatibilidade con máis aplicacións.