O Concello de Ames recibirá o Premio Colaboración Interadministrativa na Noite do CPEIG
venres, 5 de xuño do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concederá o Premio Colaboración Interadministrativa ao Concello de Ames pola “súa capacidade para impulsar espazos de colaboración entre administracións, tecido empresarial, centros de coñecemento e cidadanía”, convertendo a cooperación institucional nunha “ferramenta real de transformación económica e social”. Será entregado no marco da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que, nos últimos anos, Ames consolidouse como “un dos municipios máis dinámicos de Galicia en materia de innovación, emprendemento e desenvolvemento tecnolóxico”, apostando pola creación de ecosistemas que favorecen a xeración de oportunidades, a atracción de talento e a conexión entre os distintos axentes do territorio. “Iniciativas como InnovAmes, convertida xa nun referente como espazo de coñecemento, divulgación tecnolóxica e networking, reflicten unha visión aberta e colaborativa da innovación, achegando a tecnoloxía tanto ao tecido produtivo como á cidadanía”, apunta.
Tamén destacan outros proxectos estratéxicos capaces de xerar novas oportunidades para Galicia, como a implantación no parque empresarial do Milladoiro do Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais (CATEC), único centro tecnolóxico en España dedicado exclusivamente ao sector aeroespacial e referente europeo en investigación e desenvolvemento tecnolóxico. Ademais, o CPEIG destaca “o traballo realizado por Ames para fortalecer un entorno especialmente atractivo para empresas tecnolóxicas, innovadoras e de base dixital”.
“A capacidade do Concello de Ames para tecer alianzas, coordinar esforzos entre diferentes niveis da administración e colaborar activamente con empresas, entidades tecnolóxicas, universidades e centros de investigación constitúe un exemplo de como a cooperación institucional pode converterse nun motor de progreso, innovación e xeración de oportunidades para todo un territorio”, engade Suárez.
A sexta edición da xornada de innovación InnovAmes celebrouse o pasado 20 de febreiro no Pavillón Municipal do Milladoiro. Trátase “dun proxecto que cada vez ten maior acollida entre as empresas de Ames e que este ano abriu horizontes ao convidar a compañías doutras localidades galegas”, sinalou ao CPEIG, lembrando que á xornada tamén asistiron arredor de 500 escolares dos centros educativos do municipio, así como representantes das tres universidades galegas e do centro de Coworking A Proa. Organizáronse conferencias, obradoiros e exposicións de stands relacionados coa tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais.
Deste xeito, engade o Colexio, “créase un espazo no que reunir a empresas de Ames para coñecer e poñer en común os diferentes avances e novidades dentro de cada sector, facilitando así colaboracións entre entidades”. Como xa é habitual entregáronse os premios InnovAmes para Empresas Innovadoras, co obxectivo de achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación á vez que se crea un espazo de coñecemento e networking. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer e poñer en valor o esforzo de persoas emprendedoras e das empresas cun maior grao de innovación e potencial de crecemento en Ames.
O colectivo galego da Enxeñaría en Informática tamén salienta que o Concello de Ames forma parte da Red de Ciudades de la Ciencia y la Innovación (Red Innpulso), proxecto impulsado e co-financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Trátase dun dos máis de 100 concellos que conforman a rede, entre eles outros seis concellos galegos que pretenden avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras.
