ChatGPT permite realizar compras directamente

luns, 29 de setembro do 2025 Redacción

As capacidades axénticas de ChatGPT seguen a mellorar, e agora entran no ámbito do comercio electrónico facilitando a compra directa de produtos a través do propio chat coa función Instant Checkout, que funciona co chamado Agentic Commerce Protocol que funciona grazas á colaboración de OpenAI con Stripe.
Nun primeiro momento, a opción está dispoñible para usuarios de ChatGPT nos EE.UU., permitindo compras directas a vendedores de Etsy. Nas vindeiras semanas engadiranse máis de un millón de tendas de Shopify, incluíndo marcas como Glossier, SKIMS, Spanx ou Vuori. Polo de agora só se poden facer compras dun único artigo, aínda que xa se traballa na integración de cestas con varios produtos, así como na expansión a outros mercados e rexións.
O Agentic Commerce Protocol preséntase como un estándar aberto de comercio con intelixencia artificial, que facilita que axentes de IA, persoas e negocios poidan completar transaccións de maneira conxunta. A tecnoloxía, que xa está dispoñible en aberto xunto coa documentación para desenvolvedores, foi desenvolvida con Stripe e grandes comerciantes para garantir potencia, seguridade e facilidade de integración, sen que os vendedores teñan que modificar os seus sistemas actuais.
O funcionamento é sinxelo: cando un usuario fai unha consulta de compra («mellores zapatillas de correr por menos de 100 dólares» ou «agasallos para amantes da cerámica»), ChatGPT amosa resultados orgánicos non patrocinados. Se un produto ofrece a posibilidade de empregar Instant Checkout, o usuario pode mercalo sen saír da conversa, confirmando envío e pagamento cun par de toques. O cobro, envío e atención ao cliente continúan a cargo do vendedor, que conserva o control da relación comercial. ChatGPT só actúa como un asistente que transmite a información entre comprador e tenda.
Os comerciantes pagan unha pequena comisión polas compras completadas, pero os prezos non varían para o cliente e os resultados non se ven condicionados pola presenza de Instant Checkout. Na ordenación dos produtos téñense en conta criterios como dispoñibilidade, prezo, calidade, se o vendedor é o distribuidor principal ou se admite esta opción de compra directa.
Stripe destaca que está a «construír a infraestrutura económica para a IA» e que se sente orgullosa de impulsar esta integración con OpenAI. Desde Etsy e Shopify tamén subliñan que esta é unha nova vía para chegar a centos de millóns de potenciais clientes mantendo o control sobre pagamentos e sistemas propios.
OpenAI insiste en que a confianza é clave: o usuario confirma cada paso, os pagamentos están cifrados e autorizados só para a contía e o vendedor específico, e só se comparte a información mínima necesaria.
Séntanse aquí as bases do que podería ser o comercio electrónico do futuro, aínda que iso dependerá de se a industria adopta como seu o Agentic Commerce Protocol.