Chega a 10ª edición do Carballo Interplay promovendo os contidos dixitais feitos en Galicia
martes, 7 de marzo do 2023
Serán os días 29, 30, 31 de marzo e 1 de abril cando teña lugar a
décima edición do Carballo
Interplay, que desta volta quer render homenaxe a unha
década de talento galego ao mesmo tempo que busca pór en valor os
contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais
coma Twitter, Youtube, Twitch ou Tiktok, no eido audiovisual ou en
formato podcast.
Indo xa ao Carballo Inteplay, sinalar que os contidos galegos
protagonizarán as xornadas do mércores 29 e o xoves 30 de marzo,
que contarán con actividades coma a gravación en directo do podcast
Petiscos no Derby, a estrea do espectáculo Dando a turra,
o repaso á historia da internet galega con María Yáñez en O
outro lado da pantalla, a exhibición de iniciativas que optarán
ao premio de Mellor proxecto de serie web e a estrea en
exclusiva do proxecto gañador na anterior edición.
O festival comezará o mércores 29 de marzo ás 11:00 co acto de
apertura e a entrega de premios de Dinoescolas. O certame
Dinosaurio Escolas ten como obxectivo a incentivación da
creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a
súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da
serie Dinosaurio.
No acto de apertura do festival, ademais de contar con distintas
personalidades e explicar brevemente a programación desta edición,
proxectarase os Dinosaurios para que todo o mundo poida ver as
súas creacións na gran pantalla e terá lugar a entrega de premios.
Ás 12:00 comezará Dando a turra, un talkshow creado por
Belén Puime e Uxía Vázquez, con convidadas sorpresa. A intención
deste programa é falar con distintas personalidades da mocidade
galega sobre un futuro adulto que cada vez está máis preto, así
como tentar dar resposta a preguntas do tipo: Como vai afrontar esta
xeración ser adultos funcionais?; Que cambios debería haber no eido
laboral?; É a Xeración Z unha xeración de cristal?
As creadoras son Belén Puime, creativa na produtora Unicorn
Content, e Uxía Vázquez, creadora do podcast Falar sen
saber, e definen este espectáculo como “unha charla que ben
podería darse nun bar ou no baño dunha discoteca barata”.
No xoves 30 de marzo, levarase a cabo a presentación dos
Dinosaurios, para dar a coñecer o proxecto ante un público
formado por varios centros educativos galegos.
A continuación, ás 12:00, a creadora cultural María Yáñez proporá
en directo, a través da súa experiencia persoal, unha viaxe dende
os inicios da internet galega deica as portas da chegada das redes
sociais. O outro lado da pantalla será un repaso a como
chegaron as primeiras conexións nos anos 90, as primeiras webs en
galego, os primeiros medios dixitais e as primeiras plataformas
sociais de contido.
A última actividade da mañá é a emisión en directo de Petiscos
no Derby, edición especial do podcast Café Derby 21,
creado por Carme D. Prol, Adrián Lede e Nico Carreira. Esta creación
sonora nace de conversas na cociña dun piso de estudantes e busca
analizar a actualidade da cultura galega.
Nesta ocasión estarán acompañados de creadores de contido como as
tiktokers Totakeki, Meryfos e Sara Seco, e as creadoras do programa
Todo Mal, Carla Núñez e Marcos López (autor tamén do
proxecto satírico Telejaita).
Esa mesma tarde, continúa o talento galego co pitching de
proxectos de serie web en galego, a partir das 18:30. Os finalistas
do certame presentarán os seus proxectos ante un xurado
especializado que decidirá que proposta levará 3.000 euros para
financiar a súa obra.
Logo, ás 20:00, terá lugar a estrea en exclusiva do proxecto que foi
seleccionado o ano pasado, Mentres non chova, unha obra creada
por Carla Mojón, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova. A webserie
trata unha realidade distópica na que un malvado empresario busca
instalar unha cúpula xigantesca que protexa toda Galicia da chuvia,
para así aumentar os seus beneficios económicos.
O talento galego non só estará sobre o escenario, este ano o
Carballo Interplay decidiu colaborar directamente con A Cousa,
un medio nativo dixital creado en 2021 por xente nova da Xeración Z
que estará narrando o festival en directo. O seu equipo está
formado por Isabel Gutiérrez, Xulia Lomba, Yaiza López e Aida
Vilariño.
