Chega a segunda edición de Ignicia, que apoiou xa 9 proxectos innovadores

martes, 24 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Acto de sinatura para o impulso da segunda edición de IgniciaImpulsar o labor das nosas e dos nosos investigadores. Este é o gran obxectivo do Programa Ignicia, que vén de chegar á segunda edición, novamente impulsado polo Goberno galego e a Fundación Barrié. As dúas entidades asinaron hoxe o acordo de colaboración que vai facer posible a nova convocatoria: unha iniciativa que achanda o camiño ao mercado da investigación galega, poñendo en xogo estudos pormenorizados sobre como e de que maneira actuar e plans de deseño, desenvolvemento e comercialización de servizos e produtos innovadores. Ignicia, que abrangue o impulso de proxectos tecnolóxicos-dixitais, baséase na filosofía de comprobar se unha proposta vai ter éxito antes de acelerar a súa madureza.
Este acordo, segundo explicou hoxe o conselleiro de Economía, Francisco Conde, dá continuidade ao subscrito en xaneiro de 2016 para o desenvolvemento da primeira edición desta iniciativa, que permitiu apoiar un total de 9 proxectos cun investimento de 4 millóns de euros en sectores como as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o aeronáutico e a biotecnoloxía. Segundo fixo saber, tamén se favoreceu a creación ou mantemento de 61 postos profesionais de alta cualificación e a posta en marcha de empresas de alicerce tecnolóxico.
Para a segunda edición do Ignicia o Goberno galego investirá tres millóns de euros ata 2020. A través do acordo asinado coa Fundación Barrié por valor de máis de 430.000 euros (a Xunta financia 400.673 euros) levaranse a cabo accións formativas e a realización conxunta de actividades propias da xestión dun fondo de proba de concepto coa finalidade de “levar ao mercado os resultados científico-tecnolóxicos xerados nos centros de coñecemento galegos con potencial para a súa comercialización, ben sexa a través de licenzas ou a través da creación de spin-offs”.
Na primeira edición, dos 9 proxectos que se apoiaron, un total de cinco convertéronse en empresas universitarias e os catro restantes foron mediante acordos con licenza.
O acordo asinado abrangue a organización de actividades de formación no eido da transferencia de resultados, a colaboración na promoción, divulgación e dinamización do programa Ignicia e a cooperación na análise e validación científico-tecnolóxica e comercial dos proxectos e seguimento dos mesmos mediante a asignación dun equipo de expertos.