Chega ao Viveiro de Barro a 2ª edición do programa de emprendemento de SmartPEME

venres, 10 de marzo do 2023 S. P.

A Deputación lanzou o seu segundo programa de emprendemento de SmartPEME no Viveiro de Empresas de Barro. Fíxoo co obxectivo de seguir dando apoio ás persoas emprendedoras da provincia á hora de crear os seus proxectos empresariais nas fases máis temperás.
Ao abeiro desta iniciativa de SmartPEME (a rede de capacitación tecnolóxica da Deputación ao servizo de pequenas e medianas empresas e persoas autónomas) seleccionaranse 8 proxectos que se beneficiarán dun intenso programa de sesións de formación e asesoramento no que o equipo de SmartPEME ofreceralles “todas as claves para mellorar a súa competitividade, manexar as novas tecnoloxías, crear plans de empresa e de mercadotecnia ou materializar unha identidade corporativa”. O programa terá unha duración de 3 meses, arrancará o 21 de marzo, e as solicitudes permanecerán abertas ata o vindeiro venres 17 a través da web de SmartPEME.
O II Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Barro contará cun itinerario de 60 horas de formación e asesoramento que abrangue sesións de formación grupais e de asesoramento personalizado. As grupais serán sesións dinámicas e innovadoras que buscan potenciar os proxectos, favorecéndose “a colaboración e a creación de sinerxías coas outras persoas participantes”, segundo explicou a Deputación, que engadiu que nas sesións individuais, o equipo asesor de SmartPEME “axudaraas con temas vinculados á competitividade, o emprendemento, a identidade corporativa ou as TIC, entre outros”.
Tanto unhas como outras serán en parte presenciais e en parte virtuais, segundo as necesidades das persoas participantes, pero dando prioridade ás presenciais nas instalacións co Centro Provincial de Economía Dixital de SmartPEME no Viveiro de Empresas de Barro. Isto permite colaborar no fomento do emprendemento rural e favorecer a creación dunha economía social e sustentable.