Chega ao iPhone a aplicación para obter información detallada dos nosos portos deportivos

mércores, 24 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A Asociación de Clubs Náuticos Galegos (ASNAUGA) vén de informar de que a aplicación de seu para fornecer aos smartphones de datos sobre as instalacións portuarias e entidades integradas na asociación, xa ten versión para iPhone na App Store. A ferramenta, que como lembraremos foi presentada o pasado verán, nun principio dispoñible para trebellos con Android, permítenos, entre outras cousas, dispor de datos detallados sobre os portos deportivos e clubs de ASNAUGA e máis fotografías e xanelas directas ás instalacións, servizos portuarios ou puntos de interese turístico das localidades que contan coas ditas infraestruturas.
A aplicación tamén posibilita atopar portos no mapa ou reservar estancias directamente dende a aplicación, que, por certo, foi desenvolvida pola compañía viguesa Dosmasdos.
A ferramenta colleu corpo grazas ao convenio de colaboración asinado entre ASNAUGA e a Secretaría Xeral para o Turismo, para o desenvolvemento de distintas actuacións relacionadas coas tecnoloxías da información cara á potenciación e a promoción turística da costa galega, e en concreto dos portos deportivos e das actividades que se desenvolven a través dos clubs náuticos. A maiores da devandita aplicación para móbiles, déuselle forma a unha iniciativa para instalar paneis dixitais informacións a pé de porto.