Chegan aos nosos móbiles as historias de Facebook

venres, 17 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Tras iniciar as súas probas en Irlanda no mes de xaneiro, xa están aquí as historias de Facebook, contidos que podemos compartir dende o móbil na plataforma social de Mark Zuckerberg e que, na liña do que acontece en Snapchat ou Instagram, teñen como principal característica a súa condición de efémeros, ou sexa, que as historias que compartamos só estarán visibles durante 24 horas, de xeito que conforman un espazo paralelo á nosa cronoloxía.
Outra característica das historias de Facebook é que están optimizadas para o móbil, ou sexa, que as imaxes e os vídeos que se comparten están pensadas para un formato vertical, e para facilitar a creación de contidos deste tipo Facebook integra unha cámara con numerosos efectos e opcións de edición para que os usuarios poidan expresarse dun xeito máis informal do que estamos afeitos en comunicacións máis públicas que vaian manterse no tempo.
Cando creemos contidos coa ferramenta de historias de Facebook non só podemos compartir as creacións cos amigos en xeral, senón que tamén poderemos remitilas a usuarios en concreto, deixando clara a vocación desta funcionalidade para ocupar o lugar que empregan aplicacións como Snapchat.

Para crear as historias contamos con novas ferramentas como unha cámara e opcións de edición

PUBLICIDADE