Cinfo impulsa a transformación dixital das instalacións deportivas municipais da Coruña

martes, 6 de xullo do 2021 S. P.

O Concello da Coruña e a empresa local Cinfo, con sede no CITIC, formalizaron un acordo para impulsar a transformación dixital das instalacións deportivas municipais. Así o informaron a edil de Deportes, Mónica Martínez, e máis Antonio Rodríguez del Corral, director executivo (CEO) da dita empresa de sistemas intelixentes de seguimento. O obxectivo é transmitir todos os partidos e competicións do deporte base coruñés a través das máis avanzadas ferramentas.
O Concello porá en marcha despois do verán unha proba piloto en cinco pavillóns da cidade: Os Rosales, Novo Mesoiro, San Francisco Javier, Barrio das Flores e Sagrada Familia.
Como lembraremos, Cinfo é responsábel do sistema de produción automática Tiivii, unha tecnoloxía que nos permite acceder e visualizar as actividades programadas nun espazo deportivo concreto (neste caso as instalacións deportivas da Coruña) por medio dun sistema de retransmisión en directo de forma totalmente automatizada e sen necesidade de intervención humana. Recentemente, Cinfo habilitou as súas tecnoloxías nas clases da Universidade da Coruña.
Precisamente o sistema Tiivii está no alicerce do acordo formalizado co Concello coruñés. Martinez explicou que esta tecnoloxía fará posíbel a retransmisión automática de eventos deportivos a través dun sistema de cámaras que utilizan a Intelixencia artificial mais unha plataforma de contidos audiovisuais posta en marcha actualmente en máis de 60 instalacións.
O Concello ten previsto despregar o sistema durante este verán coa finalidade de que estea dispoñíbel para a nova tempada deportiva nos cinco devanditos pavillóns. Desta forma, explicou a concelleira, “o Concello non só aposta por modernizar os polideportivos da cidade, mais tamén por apoiar os clubs e ao deporte base coruñés que, en diante, contarán cun sistema de emisión intelixente accesíbel os 365 días do ano para transmitir todos os seus partidos e competicións, facilitando que toda a cidadanía poida gozar deles desde as súas casas ou desde o lugar que prefiran, escoitando o mesmo ambiente que se estivesen no pavillón”.
Máis datos sobre Tiivii
Tiivii, a través do equipamento despregado e dunha mesa de produción na nube, ten capacidade para facer o seguimento do xogo, engadir o marcador do partido, publicidade e seleccionar entre as cámaras habilitadas a que mellor ángulo do xogo proporcione para facer un seguimento automático da competición. A través deste produto, todos os eventos que se disputen nestes pavillóns poderán ser retransmitidos en directo sen necesidade de que ningunha persoa teña que desprazarse ás instalacións deportivas.

PUBLICIDADE