Coca-Cola estrea un anuncio de Nadal feito con IA
martes, 4 de novembro do 2025
Coca-Cola volve situarse no epicentro do debate sobre o uso da intelixencia artificial na industria creativa coa estrea do seu novo anuncio de Nadal para 2025, integramente producido con ferramentas de IA. A campaña, titulada Holidays Are Coming 2025, foi desenvolvida polo estudio de Los Ángeles Secret Level e presenta unha narrativa global protagonizada por animais antropomórficos e o icónico Papá Noel.
A decisión de repetir a fórmula do ano anterior, que xa xerara unha forte reacción negativa nas redes sociais e entre profesionais do sector, non foi casual. Segundo Pratik Thakar, vicepresidente global e responsable de IA xerativa en Coca-Cola, a compañía considera que a calidade técnica mellorou de forma substancial, e aínda que non se pode agradar a todo o mundo, o obxectivo é que a maioría dos consumidores reciban a proposta de forma positiva.
O anuncio, que mantén os elementos clásicos da marca como os camións vermellos e a música característica, prescinde esta vez de actores humanos, apostando por animais expresivos que, segundo os creadores, non se podían representar con fidelidade na versión anterior. Jason Zada, fundador de Secret Level, defende que o resultado é indistinguible dunha película animada tradicional e que o uso da IA permite escalar a produción mantendo os orzamentos, aínda que con equipos máis reducidos.
Porén, a resposta pública volveu ser intensa. Comentarios en redes como X acusan a empresa de contribuír á precarización laboral no sector creativo. fO guionista Alex Hirsch ironizou sobre a frase promocional «o xenio saíu da botella, e non o vas meter de volta» comparándoa cunha frase de despedimento en plenas festas. Outros usuarios criticaron a estética do vídeo, a falta de autenticidade e mesmo sinalaron semellanzas con personaxes de películas como Zootrópolis ou Sing!, considerando que estamos ante un roubo de arte.

- O novo anuncio indica que está creado con IA, pero está a recibir moitas críticas por roubar creacións alleas ao facer tal
Vídeo no que explican a creación do novo anuncio de Coca-Cola feito con IA
