Colle pulo na provincia de Pontevedra un novo programa de coworking multisede

xoves, 16 de marzo do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra e a Fundación EOI asinaron un convenio, por valor de 150.000 €, para a posta en marcha do que sería, en palabras das dúas entidades, “o primeiro programa de coworking nun espazo de traballo colaborativo multisede”. O proxecto, que se estenderá entre o 12 de abril e o 30 de xuño, terá lugar en tres localidades distintas: en Vigo (sede da Deputación), Tui e Silleda, e estará aberto a entre 12 e 22 proxectos emprendedores. O prazo para participar abrirase este luns, 20 de marzo, e a inscrición poderá formalizarse a través da web da Fundación EOI.
O novo coworking está orientado a persoas emprendedoras innovadoras con proxectos empresariais na fase temperá de desenvolvemento ou emprendedoras que teñan creado a súa empresa recentemente (máximo 6 meses antes de inscribirse no programa) na provincia. Os proxectos, integrados por un mínimo de 1 e un máximo de 3 persoas, serán seleccionados atendendo “á iniciativa emprendedora, á motivación e compromiso co programa e ao desexo de mellorar as súas capacidades e habilidades para poñer en marcha o proxecto empresarial”.
Todas as persoas participantes recibirán unha formación orientada á creación de empresas en sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego e beneficiaranse dun proceso de mentorización nas tres sedes do programa. Ademais, no desenvolvemento das actuacións terase en conta a transversalidade do principio horizontal de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A formación será obrigatoria e práctica, a través de obradoiros e de sesións formativas grupais, que afondarán en conceptos como a estratexia e o ecosistema emprendedor, os modelos de negocio (validación e monetización), o deseño de equipos, finanzas e financiamento, metodoloxía crowdfunding, xestión empresarial e vendas e, tamén, habilidades de comunicación.
No caso dos obradoiros, que poden abrirse ao público en xeral, o seu obxectivo principal é axudar ás persoas emprendedoras a validar o seu modelo de negocio e a capacitar ás persoas emprendedoras en habilidades e ferramentas imprescindíbeis para poñer en marcha un proxecto. En canto ás sesións formativas grupais, dirixidas ás persoas beneficiarias do coworking, tratarán contidos específicos para as necesidades detectadas nos proxectos emprendedores.
Pola súa banda tamén haberá sesións de mentoring individual dos proxectos emprendedores. A súa finalidade é acompañar cada proxecto no deseño do seu modelo de negocio e axudar ás persoas emprendedoras a resolver necesidades xerais e específicas. Ademais, ao longo do proceso de coworking, desenvolveranse diferentes eventos co obxectivo de favorecer o traballo en rede entre as persoas emprendedoras e demais axentes do ecosistema emprendedor, integrándoas coas actividades da comunidade de persoas emprendedoras. E, nas últimas semanas do coworking, realizarase un Demoday no que se presentarán os proxectos e o alcance dos mesmos.

PUBLICIDADE