Comeza en formato híbrido a edición 19 do foro GaliciaTIC
mércores, 6 de outubro do 2021
Este
mércores 6 de outubro abre as súas portas a nova edición de
GaliciaTIC. Farao ás 9.30 horas, no Auditorio da Cidade da Cultura,
en Santiago, cunha mesa inaugural na que participan Mar Pereira,
directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA), Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de
Promoción Económica (IGAPE), Luis Álvarez Sestelo, presidente
Asociación de Empresarios de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), Fernando
Vázquez Núñez, CEO de Imatia e Carlos Suárez, director xeral de
Edisa, contando con Miguel Merino Gil, director de GaliciaTIC, en
labores de moderador.
Na
mesa avaliaranse os retos do sector da tecnoloxía, a innovación e a
comunicación, “especialmente nun momento que non foi planificado e
que obrigou a empresas, organizacións e traballadores a abordar
situacións novas no contexto dun futuro incerto”.
Nova
edición dun foro histórico
O
histórico foro tecnolóxico GaliciaTIC,
organizado pola asociación empresarial
Ineo, chega á
súa edición 19
entre o mércores e o xoves (6 e 7 de
outubro) en formato mixto, a mañá do
mércores na Cidade da Cultura e tanto a mañá como a tarde do
mércores, así como o xoves, en formato en
liña.
Reuniranse
no marco do encontro empresas e profesionais do sector TIC e doutros
ámbitos produtivos interesados en coñecer novidades tecnolóxicas
para mellorar tanto a súa organización como a súa competitividade.
O
formato mixto (que permite combinar sesións presenciais e online),
segundo lembra Ineo, xa foi aplicado con “gran éxito” na
anterior edición: “Este modelo híbrido, que se impuxo o ano
pasado polas circunstancias sanitarias, permitiu en 2020 duplicar a
asistencia habitual ao superar os 450 participantes”, explica a
asociación, engadindo que “os datos rexistrados na pasada edición
animaron á organización de GaliciaTIC a continuar explorando esta
exitosa fórmula”.
O
programa inclúe relatorios maxistrais, mesas de debate,
presentacións ou demostracións. Reunirá ao longo das dúas
xornadas a representantes da chamada “tripla hélice da
innovación”, ou sexa, a administración, a universidade e a
empresa.
Así,
en GaliciaTIC intervirán representantes da Xunta de Galicia, dos
Concellos de Santiago, Vigo e Xetafe, das Universidades de Santiago e
Vigo, así como de empresas de diferente tamaño como son Oracle,
Deloitte, Optare, Edisa, R, Imatia, Everis, Cinfo ou Orange, entre
outras moitas.
Programa
A
axenda comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial
coa mesa inaugural, que versará sobre os desafíos que se presentan
ao sector TIC, especialmente nun momento que non foi planificado e
que empuxou a empresas, organizacións e traballadores a abordar unha
dixitalización acelerada. Moderada por Miguel Merino, director de
GaliciaTIC, a mesa contará con Mar Pereira, directora da Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Fernando
Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica
(IGAPE); Carlos Suárez, director xeral de Edisa; Fernando Vázquez
Núñez, director executivo de Imatia, e Luis A. Álvarez-Sestelo,
presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia
(Ineo).
A
xornada continuará ás 10.00 h. da man de Senén Barro, do Centro
Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que
ofrecerá un relatorio maxistral sobre o futuro inmediato da
Intelixencia Artificial. A partir de aí, o programa incluirá tanto
o mércores como o xoves mesas temáticas sobre asuntos tan variados
como o impacto das novas tecnoloxías no coidado dos nosos maiores, a
ciberseguridade, a extensión da 5G en Galicia, as tecnoloxías Cloud
Native e Realidade Aumentada ou as sinerxías tecnolóxicas e
colaborativas, tanto na esfera público-privada como entre empresas.
O
evento tamén contará con diferentes
webinars
que se poderán seguir por streaming.
Por exemplo, Abel Fernández Ardura, de Leyton, centrará o seu nas
axudas públicas para financiar proxectos de dixitalización; Juan
Carlos Núñez Suárez, de Imatia, ofrecerá un sobre as claves da
minería de procesos; e Alejandro Alonso Rodríguez, de Everis,
impartirá o seu sobre ciberseguridade
na Industria 4.0.
A
última sesión antes do peche de conclusións dedicarase a
diferentes casos de éxito empresariais na transformación dixital e
á presentación da Oficina Acelera PEME, que xestionará Ineo até
maio de 2023 tras ser seleccionada por Red.es para asesorar e
impulsar a dixitalización de empresas do sur de Galicia (con sedes
en Vigo en Ourense).
Ineo,
para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta
de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica
(AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE),
Deloitte, Edisa, Everis, Imatia, Lifesize, Intergal, Leyton, Oracle,
Orange, Inycom, R., CTI Consultores, Data Monitoring e Galvintec.