Como construír un R2D2 con material de reciclaxe, polo miúdo no Campus de Vigo

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

O 23 de xaneiro, a Escola de Enxeñaría Industrial do Campus de Vigo vai acoller unha conferencia-obradoiro sobre as amplas posibilidades da robótica caseira e, máis polo miúdo, sobre o moito que lle debe a saga Star Wars a este ámbito de creación tecnolóxica. Por tratarse dunha conferencia-obradoiro, haberá unha vertente teórica (poñendo aos asistentes en materia do compoñente tecnolóxico da dita saga) e unha vertente abertamente práctica. A través desta última parte da actividade, mostrarase aos asistentes como construír unha réplica de R2D2 con material reciclado.
O relatorio virá da man de Eduardo Santos, un mozo de Cambre que forma parte da entidade Echo Base 28th Elite Forces, unha asociación que dende o ano pasado vén desenvolvendo diferentes actividades arredor do universo Star Wars. Unha das estrelas da súa liña de acción é precisamente o robot R2D2, un “personaxe” que máis alá do mérito de ter sido creado con materiais procedentes doutros aparellos, ten o mérito da mobilidade: xa percorreu unha manchea de escolas, institutos, hospitais e feiras tecnolóxicas por toda Galicia.
O obxectivo da conferencia-obradoiro do 23 é dar a coñecer a experiencia de Eduardo e amosar como os materias de refugallo poden ter unha segunda vida.
Para explicar o proceso de construción deste droide, o vindeiro martes 23 de xaneiro, Eduardo Santos e mailo seu pai (Eduardo Santos Baldomir) impartirán un relatorio titulado Construye tu propio R2D2. Robótica y educación para el presente na Escola de Enxeñería Industrial do Campus de Vigo. A conferencia, organizada polo profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática José Ignacio Armesto, celebrarase ás 16.00 horas na aula 15. A actividade, segundo informa a Universidade de Vigo, forma parte do programa de relatorios e xornadas paralelo ás JAI 2018, Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial. De feito, o robot regresará ao campus en marzo para participar na demostración de Industria 4.0 que abrirá as JAI.
Segundo salienta Santos Baldomir, que preside a asociación Echo Base 28th Elite Forces, a conferencia está dirixida a calquera persoa interesada na tecnoloxía e na reciclaxe ou simplemente que sexa seareira dos filmes de Star Wars. seguidora dos filmes. Ademais, considera que tamén pode motivar o público asistente a concienciar da importancia da reciclaxe, amosando os resultados que se poden conseguir só empregando RAEE, Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos. “O droide está feito nun 98% con material reciclado, o que axuda a concienciar sobre a reutilización do lixo electrónico”, destaca Santos Baldomir, e na súa construción empregáronse paus de vasoira, unha roda dun carro de supermercado, parte dun farol circular, ademais de pezas impresas en 3D, 150 LED e un motor de aspiradora para que o pequeno droide sexa quen de moverse e iluminarse, sempre teledirixido da man de Santos Pérez mediante unha aplicación móbil que vai conectada ao cerebro de R2D2, feito a partir dunha placa base libre de Arduino.


PUBLICIDADE