Compostela habilita 1,8 millóns de euros para a parte final do proxecto Smartiago

venres, 17 de marzo do 2023 S. P.

O pleno da Corporación de Santiago aprobou habilitar 1,8 millóns de euros para facer fronte á parte final do proxecto Smartiago, a iniciativa local de Cidade Intelixente. A aprobación contou cos votos favorábeis do Goberno municipal e coa abstención do resto dos grupos. O concelleiro responsábel do Smartiago, Sindo Guinarte, fixo balance dun proxecto do que "se executou máis do 80% dos fondos previstos". Dentro do orzamento global, que ascende a 5 millóns, destináronse 3.768.000 a proxectos de innovación, o que fai que "Santiago sexa hoxe un referente a nivel local en desenvolvemento de proxectos de innovación", comentou.
Guinarte fixo fincapé en que este "éxito é froito da colaboración institucional entre as administracións implicadas, o Goberno central, a Xunta e o Concello, e máis do inxente esforzo dos servizos municipais, pois era a primeira vez que se licitaban pregos de compra pública innovadora".
O Concello de Santiago de Compostela impulsa a iniciativa Smartiago como estratexia para responder os retos de innovación implicando no proceso a axentes do Sistema de I+D+i local, rexional e nacional. O seu obxectivo principal, en palabras do Concello, é “a posta en marcha dun conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das Cidades Intelixentes encamiñadas a converter a capital galega na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio no seu conxunto, de maneira que os resultados sexan altamente escalábeis, eficientes e replicables noutras cidades ou contornos nos que o Patrimonio Histórico sexa un atributo distintivo das mesmas”.
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está co-financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, e nun 10% pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

PUBLICIDADE