Conectadas 2017 inclúe un programa de 300 accións formativas

martes, 23 de maio do 2017 Redacción

A Deputación de Ponvevedra vén de adxudicar o contrato para o desenvolvemento do programa Conectadas 2017, que, como lembraremos, vai dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, fortalecendo os seus recursos para tirar o máximo partido das novas ferramentas como canles de acceso ao desenvolvemento persoal, comunicativo e laboral. A empresa gañadora do procedemento aberto de contratación foi a UTE integrada por Forox Innovación, S. L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L. Entre os obxectivos específicos de Conectadas figura o de loitar directamente contra a fenda dixital de xénero: un problema que impide que as mulleres accedan plenamente ás vantaxes da Sociedade da Información. Conectadas 2017 inclúe un orzamento de 324.000 euros e un programa de 300 accións formativas.
Carmela Silva lembrou na presentación de Conectadas 2017 que se trata dun programa para “mellorar a formación básica das mulleres e favorecer as súas relacións interpersoais, o intercambio de experiencias” ademais de “contribuír á mellora da súa empregabilidade e mantemento no mercado de traballo” e “reducir a súa fenda dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías”.
O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha única acción formativa que suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe etc.), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.

PUBLICIDADE