Conectadas 2018 pon o foco na formación tecnolóxico-dixital para as mulleres
mércores, 27 de decembro do 2017
A Deputación
de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa Conectadas
para o ano entrante, que unha vez máis, facendo honra ao seu
nome, terá un dos seus piares directamente apoiados no ámbito
dixital. Segundo fixo saber a entidade que preside Carmela Silva,
Conectadas 2018 ten como obxectivo “potenciar a participación e a
promoción das mulleres e favorecer as relacións interpersoais
igualitarias, impulsando accións formativas e incorporando os
principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida
persoal, laboral e familiar”. A nova edición do programa, que pon
o foco no plano formativo, ten un orzamento de 324.000 euros. Haberá
cursos e obradoiros sobre múltiples cuestións, todas elas co nexo
común de atesourar potencial para dotar as mulleres de ferramentas
para “construír unha sociedade igualitaria”.
O programa convoca a participación de asociacións,
federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como
obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres. Cada
acción formativa das 46 que se van ofertar conta con entre 20 e 25
prazas e todas elas deben ser realizadas ata o 31 de decembro de
2018. Todas elas terán unha duración media de 35 horas e deberán
incluír, “de forma transversal entre os seus contidos”, o
tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes e a
sensibilización na igualdade de oportunidades. As accións
formativas de Conectadas 2018 están distribuídas en oito bloques:
Muller emprende, Muller e cultura: artes visuais, Actualízate,
Coas túas mans, Porque ti o fas, Súmate ao cambio, Ponte en forma e
Coidados persoais.
O bloque Muller emprende oferta accións
formativas sobre iniciativas sustentábeis para o emprego na que se
abordará de cuestións como a creación dunha empresa, a
administración de redes sociais, o comercio electrónico, a asesoría
laboral e fiscal e o adestramento. Pola súa banda, Muller e
cultura proporcionará ás mulleres participantes nocións
relacionadas coas artes visuais (fotografía, pintura, teatro,
animación á lectura e memoria). Actualízate será o bloque
máis especificamente centrado nas novas tecnoloxías, con formación
sobre alfabetización dixital, sobre os cambios do papel ao ordenador
así como sobre Internet, o correo electrónico e o manexo de
tabletas. Amais, abordaranse cuestións relacionadas coa
socialización a través das redes sociais.
O bloque Coas túas mans permitirá ás
alumnas iniciarse no patchwork, no scarpbooking e
realizar artesanía en coiro. No caso do denominado Porque ti o
fas impartirase formación sobre poda e tarefas do campo desde a
sustentabilidade, xardinería e horta ecolóxica.
O bloque Súmate ao cambio centrarse en eidos
como a cociña e a alimentación, a conservación de alimentos, a
iniciación á costura, os coidados e a dependencia, o mantemento do
fogar e a xestión doméstica, a bricolaxe e as reparacións,
reciclaxe e educación en igualdade.
Tamén haberá bloques temáticos adicados á saúde
persoal como Ponte en forma (no que se impartirán obradoiros
de pilates, taichí, ioga, ximnasia de mantemento e sendeirismo), e
de Coidados persoais (no que se abordarán cuestións relativas á
menopausa saudábel, ao coidado, á relaxación e manexo do estres, á
intelixencia emocional, ao benestar, así como risoterapia,
musicoterapia e obradoiros de mindfulness).
As accións formativas estarán abertas a toda a
poboación da provincia aínda que terán preferencia as mulleres. De
feito, reservarase só o 25% do total das prazas para homes excepto
no bloque de contidos Súmate ao cambio no que a participación
pode ser mixta ao 50%.