Confirman que adaptarán os Nokia N800 para a rede WiMAX de Sprint nos EE.UU.

venres, 10 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Mentres que en Europa se está a promover a conectividade móbil 3G e HSDPA, nos EE.UU. quere pasar directamente a unha cuarta xeración, xa que Sprint está a preparar o espallamento dunha rede WiMAX en moitas cidades americanas que permita tanto a navegación pola Internet coma o uso de VoIP para chamadas telefónicas, dándose a coñecer durante unha conferencia en San Francisco que os primeiros dispositivos que se adaptarían a tal tecnoloxía serían os Nokia N800.
O Dr. Ari Jaaksi comentou durante a LinuxWorld que están a traballar na adaptación do Nokia N800 (que actualmente conta con conectividade Wi-Fi) para que se conecte a redes co estándar IEEE 802.16e (WiMAX móbil).
O Nokia N800 é o que dan en chamar un Internet Tablet, ou sexa, un dispositivo portátil semellante a unha PDA, pero que permite dende a navegación pola rede mediante o seu navegador Opera (aínda que xa existen versións adaptadas de Mozilla) ata o uso de Skype, destacando a boa resolución da pantalla de 4,1 polgadas do terminal (800 x 480 píxeles) o que permite unha cómoda lectura dos contidos (mentres que a meirande parte dos trebellos semellantes só presentan resolucións duns 320 x 240 píxeles).