Confirman que este ano Disney+ impedirá compartir contas

xoves, 4 de abril do 2024 Marcus Fernández

En febreiro Disney+ anunciou que tiñan pensado iniciar medidas para evitar que os usuarios do seu servizo puidesen compartir contas nos EE.UU., e aínda que inicialmente esperábase que tal ofensiva botase a andar o mes pasado, o director xeral da compañía, Bob Iger, nunha entrevista para a CNBC asegurou que «en xuño lanzaremos anosa primeira ofensiva real contra compartir contas», matizando que inicialmente o farían nun número limitado de mercados para chegar a todos os territorios no mes de setembro.
Lembremos que Netflix xa ten medidas nesta liña, e que as condicións de uso de Disney+ en España xa recollen dende o pasado mes de setembro a prohibición de compartir subscricións fóra do ámbito do fogar.
Queda por ver como será o mecanismo empregado para compartir contas, pois tanto poden elixir implantar medidas de xeolocalización como limitar o número de dispositivos nos que poden empregarse as súas aplicacións, opcións que impactan claramente nos usuarios, que poden decidir cancelar a súa subscrición se as medidas impostas resultan demasiado molestas. No caso de Netflix a estratexia parece ter funcionado e, aínda que en España a opinión pública criticase moito as limitacións, a nivel global o número de subscritores medrou considerablemente, o que está a animar ao resto de compañías de streaming a seguir os mesmos pasos.

PUBLICIDADE