Conta atrás para o inicio da actividade da Oficina Acelera PEME Rural en Cambados
venres, 10 de marzo do 2023
Cambados
acollerá a partir do vindeiro 15 de marzo unha oficina Acelera PEME
rural
grazas á Deputación de Pontevedra e a Red.es. Así o anunciou
Carmela Silva este xoves 9 de marzo, durante a visita do director
xeral da entidade, Alberto Martínez Lacambra, na que tamén
estiveron presentes o alcalde de Cambados, Samuel Lago, e a
subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
A
presidenta provincial explicou que esta oficina, xunto á que tamén
se porá en marcha en Tui, será un “punto de referencia para a
transformación dixital e de impulso para as pequenas e medianas
empresas”. Máis polo miúdo, dixo, o desafío é axudar á
dixitalización destas pemes da contorna rural, especialmente en
concellos de menos de 20.000 habitantes como Cambados e Tui, por
medio de actuacións a través da colaboración con diversos axentes
do ámbito público e privado.
Carmela
Silva explicou que se escolleu instalar as novas oficinas en Cambados
e Tui para “poder chegar ás entidades das comarcas do Salnés e do
Baixo Miño, respectivamente, ambas cunha enorme rede de pequenas e
medianas empresas que teñen que crecer, manterse e sumar, ademais de
dixitalizarse”. No caso de Cambados, explicou o municipio xa
contaba cunha oficina SmartPEME da Deputación, que agora se
transforma para integrarse neste novo programa, mentres que en Tui se
está levando a cabo o proceso administrativo para instalar unha nova
oficina, “que estará operativa nun período curto de tempo”. “
A
posta en marcha destas oficinas en Cambados e Tui é “unha boa
noticia”, xa que terán “un papel de máxima relevancia nos
próximos meses e anos”, como explicou o director xeral de Red.es.
Alberto Martínez Lacambra lembrou a importancia da dixitalización
das pemes con programas como Kit Dixital, que está enfocado a
empresas por debaixo dos 50 empregados e empregadas, é dicir, “0
69% do tecido produtivo do conxunto do Estado”. En concreto, desde
que comezou en 2021, xa se concederon axudas a 5.000 empresas da
provincia de Pontevedra por valor duns 25 millóns de euros, unha
cifra que aumenta ata as 14.000 axudas e os 65 millóns de euros no
global de Galicia, o que demostra, dixo, que “a dixitalización
chegou para quedarse e, polo tanto, cobran sentido este tipo de
oficinas”.
Pola
súa banda, o alcalde de Cambados, Samuel Lago, mostrou a súa
satisfacción por ser un dos concellos escollidos para albergar unha
nova oficina, que permite “dar ás empresas da nosa comarca o
impulso que precisan para adaptarse ás novas tecnoloxías e á era
dixital”. O acompañamento que se fará ás pemes desde a oficina e
as ferramentas que se porán a súa disposición, como o Kit Dixital,
axudarán a que, en palabras do alcalde, “se siga creando emprego e
sigan crecendo as empresas, todo nun ámbito e cunhas ferramentas que
son ás que inexorablemente se teñen que adaptar as empresas”.
