Coruña Dixital pon un extra de achegamento á cidadanía na súa nova tempada

martes, 22 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Coruña Dixital, a fronte común do Concello e as comunidades locais tecnolóxico-argalleiras, vai ter corda para rato. Hoxe presentouse a nova tempada da iniciativa, un máis que completo programa de actividades para a formación dixital da cidadanía, o impulso da tecnoloxía libre e o intercambio real, activo e dinámico de coñecemento TIC. A nova tempada foi dada a coñecer polo edil de Cultura, Jesús Celemín, quen lembrou outro dos obxectivos fundamentais de Coruña Dixital: mostrar ante o mundo as intensamente activas comunidades dixitais da Coruña e impulsar o seu importante labor. A nova tempada, dixo, vén marcada pola vontade de lle aproximar dun xeito máis profundo a cultura dixital á cidadanía.
Celemín, que compareceu acompañado do coordinador da iniciativa, Sergio Lago, fixo fincapé na vertente formativa do programa (que será fortalecida nesta nova edición, poñendo o foco na xente que se está a iniciar nas novas tecnoloxías). Segundo fixo saber, esta vontade de educar dixitalmente materializarse en boa medida a través das redes sociais e a web do proxecto (corunadixital.gal), que “facilitarán o acceso á información actualizada sobre a crecente actividade dixital da cidade”.
Como novidade, informou da incorporación de todos os recursos locais dispoñíbeis para a "iniciación e o uso seguro da tecnoloxía", especialmente dirixidos aos colectivos de maiores, familias e mocidade.
Coruña Dixital tamén avanza “na colaboración co tecido innovador da cidade”, recordaron, engadindo que este outono o proxecto está a apoiar varios encontros de divulgación e de cultura dixital, “todos eles co nexo común de vir impulsados por colectivos e entidades que, baixo unha filosofía colaborativa e aberta, traballan durante todo o ano na divulgación do coñecemento TIC”.
Estes son os encontros en cuestión:
● AtlánticaConf, un novo congreso de divulgación tecnolóxica impulsado polo amplo tecido de comunidades de profesionais TIC da cidade, co apoio de empresas innovadoras e da Universidade da Coruña.
● A 8.ª edición da Feira de Tecnoloxías Libres OSHWDem que, organizado polo colectivo Bricolabs, a Domus acollerá o vindeiro 9 de novembro. Trátase do evento de referencia para o mundo argalleiro (maker) da cidade e pioneiro en Galicia.
● O 6.º congreso TADEGa, no que a cidade acollerá o 22 e 23 de novembro un foro de referencia de profesionais da educación, co foco na tecnoloxía e a atención á diversidade.
Nova edición do #LAIC
Xa en decembro, será a quenda da innovación audiovisual coa reactivación do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación: un ciclo de encontros formativos para persoas interesadas na cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital. Segundo fixeron saber Celemín e Lago, esta nova edición xirará arredor da creación dixital transmedia; é dicir, “historias que se expanden en múltiples dispositivos e formatos, cunha participación activa dos públicos”. Trátase, dixeron, “dunha área que está a vivir un momento de crecemento e chegada ao gran público a través das grandes series de plataformas dixitais, pero da que tamén coñeceremos a súa aplicación en proxectos culturais, educativos e sociais”.
O comisario do programa, o xestor cultural Sergio Lago, explicou que o #LAIC deste ano “estará moito máis vinculado á creación dixital transmedia e traballará coa comunidade técnica da cidade adicada á creación audiovisual, á programación informática e aos novos escenarios de realidade virtual, xa que temos grandes referencias na cidade neste ámbito”.
A mediados de decembro o #LAIC desenvolverá unha primeira sesión panorámica sobre esta temática, para retomar, dende a volta do Nadal e ata finais de marzo, a súa actividade con sesións semanais no Centro Ágora.
Lago e Celemín recordaron que dende as redes de Coruña Dixital anunciaranse de maneira gradual cada unha das citas e abrirase a inscrición nas charlas e talleres do #LAIC que, como todas as actividades do programa, serán de balde.

PUBLICIDADE