Coruña eFilm achega películas, series e revistas aos socios das bibliotecas municipais coruñesas

luns, 13 de marzo do 2023 Redacción

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá na biblioteca do Centro Sociocultural Ágora a plataforma Coruña eFilm, unha ferramenta en liña que permite aos usuarios das bibliotecas municipais coruñesas acceder e visualizar un catálogo con máis de 10.000 títulos audiovisuais, entre películas, documentais, series e revistas.
Esta plataforma de streaming promovida polo Concello da Coruña é de balde e «revolucionará o préstamo de películas e series nas nosas bibliotecas» en palabras de Inés Rey, quen apuntou que o catálogo é amplo e variado, contando cunha grande selección de obras galegas e en galego. Os usuarios poderán coller prestadas até dúas películas ou dous capítulos de series á semana.
Coruña eFilm está dispoñible en todos os dispositivos a través da súa páxina web e adáptase perfectamente a un smartphone, unha tableta ou un televisor conectado. O contido está organizado baseándose en xéneros e listaxes pensadas para acceder a aquilo que se adapte mellor aos intereses do usuario ou atopar as últimas novidades así como suxestións que permiten achegarse a títulos descoñecidos para o gran público. Integra buscador e tamén a opción de gardar os contidos para a súa reprodución posterior.
Os contidos audiovisuais contan con opción de idioma e subtítulo, a súa reprodución pode pausarse, e en función do tipo de alugueiro poderanse ver nun prazo de entre 48 e 72 horas. No caso das revistas non hai límite de visualizacións.

A nova plataforma achega actualmente 32 filmes en galego

PUBLICIDADE