Daniel Cerqueiro introduce á veciñanza de Redondela na mercadotecnia dixital

venres, 1 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Daniel Cerqueiro, xerente da empresa galega Abertal e un dos nosos principais expertos en mercadotecnia dixital, vai participar hoxe en Redondela nun obradoiro sobre as metodoloxías máis avanzadas (e útiles) para acadarmos a máxima repercusión en liña cunha campaña empresarial. O Obradoiro Marketing Dixital celebrarase no espazo Startupvila, na Casa da Cultura local, entre as 19 horas e as 21 horas. Lembrar que Dani Cerqueiro, amais de xerente de Abertal, ten impulsado na nosa terra proxectos tan salientábeis como Phottic, o proxecto de memoria dixital nacido de Abertal Networks (hoxe en día operando como start-up e centrando os seus esforzos en recuperar o noso pasado e a nosa identidade, a través de milleiros de fotografías, coa axuda da cidadanía, das asociacións e dos concellos).
No obradoiro, Cerqueiro mostrará aos presentes en que consiste unha estratexia dixital, botando luz sobre as cuestións máis relevantes que atinxen a unha PEME e complementando a súa explicación con exemplos concretos de éxito. A actividade rematará cunha análise das estratexias online dos proxectos daqueles participantes que así o desexen.
Esta xeira formativa dirixida á orientación de emprendedoras/es intégrase nas actividades que a Startupvila de Redondela está a desenvolver ao abeiro do seu período inicial de proba e maduración (datos en PDF). As vindeiras citas serán un encontro con David Pombar (director executivo de SetPay) o día 14 de setembro e un obradoiro (día 13 de outubro) que, baixo o epígrafe Coñece ao teu cliente, correrá a cargo de Paloma Barreiro, manager en SeedRocket. Lembrar que a iniciativa StartupVila de Redondela foi presentada o pasado 11 de agosto pola concelleira de Desenvolvemento Local, Carmen Amoedo e por Sonsoles Castiñeiras e Alexandre Bastos, da empresa OnTheBus, como un “xeito para dar resposta ao grande número de persoas de Redondela con inquedanzas emprendedoras”.

PUBLICIDADE