Daniel Ramos amosa a súa experiencia en Coru.net nos obradoiros da Rede de Innovación de Arteixo
martes, 25 de febreiro do 2014
A Rede de Innovación de
Arteixo, de
cuxa presentación oficial falamos os días pasados, comeza xa a
xerar recursos e actividades concretas para as empresas da súa
contorna. Así, os responsables da Rede informan que van
organizar ata finais de abril dez xornadas informativas para dar a
coñecer o proxecto entre os axentes sociais do concello á vez que
fomentar a cultura innovadora. Sen ir máis lonxe, este mércores 26
Daniel Ramos, socio e fundador de Coru.net,
impartirá o obradoiro A innovación permanente dos emprendedores
do sector TIC. A actividade desenvolverase no Centro Arteixo
Innovación, sede da oficina de atención de RdI Arteixo, en horario
de 16.25 a 18.30 horas.
A sesión é de balde e
as inscricións deberán facerse por orde de recepción a través da
conta de correo redinnovacion_arteixo@eoi.es. Por outra banda,
informar que ata o venres 28 de febreiro fica aberto o prazo para
que pequenas e medianas empresas (PEME) e emprendedores soliciten a
súa participación nas consultorías individualizadas da RdI, tamén
con carácter gratuíto.
Estas actividades forman
parte dun amplo paquete de accións, principalmente obradoiros, que a
Rede de Innovación ten programadas para tódalas semanas dende hoxe
e ata o 23 de abril. O obxectivo destas sesións é pois fomentar a
cultura innovadora á vez que se dá a coñecer o proxecto entre os
posibles usuarios. Os relatores convidados son expertos nos seus
eidos de mercado, as múltiples facetas que adoita a creatividade ao
servizo das empresas. Segundo informan os responsables da Rede, “a
través de casos de éxito e da seu propia experiencia, manifestarán
o valor da innovación como factor de dinamización da actividade
empresarial”.
O obradoiro deste
mércores, o de Daniel Ramos, constitúe a segunda das dez xornadas
informativas previstas polo de agora. Nesta sesión, a desenvolver
baixo o epígrafe A innovación permanente dos emprendedores do
sector TIC, Ramóns afondará polo miúdo nos retos aos que se
enfronta unha compañía tecnolóxico-dixital. O obradoiro está
dirixido a PEME, futuros emprendedores ou empresarios do ámbito TIC
con vocación de innovación nos seus procesos, produtos e servizos.
Por certo que a vindeira
xornada correrá a cargo de Manuel Carneiro, conselleiro delegado en
IFFE Business School, e está prevista para 5 de marzo baixo o título
A innovación como fonte de emprendemento.
