De cibernenos a ciberdelincuentes

xoves, 28 de decembro do 2006 Raquel Noya

As organizacións mafiosas, non contentos con apropiarse do alleo no mundo físico e real, agora, como sacados directamente dunha película de James Bond, comezan a coñecer e a actuar moi ben no ciberespacio, tanto que xa son abundantes (sobre todo nos últimos meses) os casos de roubos a través da rede e de acceso a contas privadas dende sitios ilegais
Segundo un estudio da multinacional McAfee, agora estas organizacións preparan a unha nova xeración de ciberdelincuentes ós que, incluso, lles financian estudios informáticos ou de outras disciplinas para axudalos a alcanzar postos en empresas que lles interesen para cometer os seus delitos.
O estudio revela que as redes de delincuentes organizados, “facéndose eco das tácticas empregadas pola KGB ó longo da guerra fría”, identifican e atraen a xoves universitarios brillantes coñecedores da rede e das novas tecnoloxías. O Informe McAfee sobre criminoloxía virtual apunta que os adolescentes, que apenas superan os 14 anos, dan os seus primeiros pasos no ciberdelito como un reto persoal, para acadar entrar en determinados sitios de Internet e que logo ven como un xeito de conseguir diñeiro fácil.
Este tipo de delincuentes existen debido a que a rede de redes é un niño de oportunidades para actuar delictivamente, accedendo a contrasinais privadas, atopando buracos de seguridade nos sistemas ou lanzando ataques nos ordenadores alleos, e ademais, o entorno resulta moito máis atractivo para os delincuentes serios que o método tradicional de furto.
O estudo fai fincapé na admiración que espertan os ciberdelincuentes nos seus círculos máis próximos e no apoio incondicional que reciben por parte dos seus seguidores e resalta a importancia que está a ter a segunda ola de Internet para este fenómeno, xa que promociona as relacións sociais na rede, o que fai que existan redes de ciberdelincuentes que non se coñecen entre si e que actúan en beneficio propio.