Definen as áreas de actuación para adaptar as telecomunicacións sen fíos ás necesidades de Galicia

xoves, 25 de setembro do 2025 Redacción

O nodo Conectivi.gal, iniciativa público-privada creada para adaptar diversas tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia, celebrou hoxe a súa primeira comisión de seguimento baixo a presidencia do director da AMTEGA, Julián Cerviño.
Na reunión acordouse a posta en marcha de tres grupos de traballo que concentrarán os seus esforzos en áreas prioritarias como a capacitación e retención de talento dixital, a promoción do despregamento destas tecnoloxías no sector privado e a mellora da conectividade nas administracións públicas. Ademais, está previsto constituír un Comité de Persoas Expertas que achegará asesoramento técnico tanto á comisión como aos grupos, reforzando así a gobernanza e a orientación estratéxica do nodo.
Conectivi.gal representa a evolución do Nodo de Cooperación 5G, creado en 2018 para impulsar o desenvolvemento desta tecnoloxía en Galicia, un territorio onde o despregue de redes sen fíos resulta especialmente relevante debido ás dificultades orográficas e á dispersión poboacional.
As necesidades de conectividade medraron de forma exponencial e abranguen xa todo tipo de dispositivos que precisan estar interconectados para facilitar información sobre o territorio ou xestionar datos mediante tecnoloxías como o internet das cousas.
Actualmente existen solucións adaptadas a estes novos dispositivos (como NB-IoT, LoraWan ou Wifi Halow) e Galicia pretende seguir a mesma estratexia que aplicou no caso da 5G: situarse á vangarda do seu desenvolvemento, impulsar o seu uso e aplicación e fomentar a xeración de coñecemento arredor destas tecnoloxías. Precisamente, este é o obxectivo central de Conectivi.gal.
O nodo está promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Consellería de Economía e Industria.
Forman parte tamén do nodo as tres universidades públicas galegas (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo), as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange, e a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (Atiga – Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia).