Demandan a Apple por reducir a velocidade dos iPhone vellos

venres, 22 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O rebumbio ao redor das evidencias que indicaban que os iPhone 6s vellos ían máis lentos con versións actuais de iOS agás que se substituíse a súa batería, espertando as clásicas teorías da conspiración sobre a obsolescencia programada dos smartphones, o que claramente é consecuencia dun grande erro de comunicación de Apple, que esta mesma semana recoñeceu a práctica detectada: forzan aos iPhone vellos a ir amodo cando detectan que a súas baterías non renden ben.
A desculpa de Apple é que queren prolongar a vida dos seus dispositivos, e con esta medida conseguen que os móbiles con baterías desgastadas non se apaguen de súpeto cando se lles esixe máis do que son capaces, á vez que permiten que o teléfono manteña a súa carga até o final do día, aínda que por contra experimenten un funcionamento que nalgún caso chega a ser desesperantemente lento.
O grande problema de todo isto é que Apple non informou aos consumidores en ningún momento, nin deixaba elixir aos usuarios que querían reducir a velocidade dos seus móbiles ou preferían que cada vez tivesen menos autonomía mantendo o rendemento. Precisamente iso ten agora consecuencias, e xa presentaron unha demanda contra Apple, asegurando que non deron consentimento a Apple para facer que os seus smartphones fosen máis lentos, e piden compensación por unha actuación que fixo que tiveran que substituír os seus teléfonos, mudar as súas baterías ou simplemente padecer a perda de valor dos terminais.
Cómpre salientar que a demanda sería moi lóxica que Apple fixese que todos os iPhone que teñen certa idade fosen máis lentos, pero o feito de que o problema só afecte aos que teñen a batería en malas condicións fai que non sexa doada de sustentar a acusación, e o único criticable é a opacidade de Apple, que tería que advertir cando iOS decide reducir a velocidade dun terminal, informando ao usuario do mal estado da batería, para que poida tomar a decisión informada de manter o terminal, cambialo ou substituírlle a batería por unha nova. En calquera caso haberá que ver como remata a demanda, pois podería chegar a rematar con algún tipo de compensación económica (aínda que pareza algo improbable).

PUBLICIDADE