Denuncian que HP continúa a bloquear o uso de cartuchos de terceiros nas súas impresoras

luns, 13 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Algúns fabricantes de impresoras durante varios anos realizaron prácticas contrarias á competencia bloqueando o uso de cartuchos de tinta doutras compañías, como era o caso de HP, empresa que parece volver a ese mal camiño segundo están a denunciar distintos consumidores, que tras unha actualización do firmware da súa impresora atopan unha mensaxe indicando que o cartucho que tenta usarse (e que viña usándose con normalidade ata o momento) non ten un chip de HP, polo que impide o seu funcionamento.
Na propia páxina web de HP advirten de que as súas impresoras contan cunha tecnoloxía de seguridade dinámica, ou sexa, que as impresoras comunícanse cos chips nos cartuchos para impedir o uso de cartuchos non orixinais para «protexer a calidade da experiencia dos nosos clientes, manter a integridade dos nosos sistemas de impresión e protexer a nosa propiedade intelectual».
Ante acusacións de que este tipo de prácticas atentan ao medio ambiente, dende HP aseguran que as medidas de seguridade non afectan a cartuchos reutilizados.
En calquera caso HP sempre advertiu de que pode tomar medidas para evitar o uso de cartuchos de tinta non orixinal, polo que o feito de que algúns modelos de cartucho de terceiros puidesen saltar a protección non significaba que HP permitise tal práctica. Entendemos así que HP e os fabricantes de cartuchos compatibles están constantemente xogando ao gato e o rato, deixando aos consumidores desprotexidos no caso de querer aforrar cartos á hora de adquirir tinta para a súa impresora.