Dereito, Enxeñaría de Telecomunicación e AtlantTIC acadan o distintivo de igualdade da UVigo
martes, 28 de febreiro do 2023
A
Facultade
de Dereito, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro
de investigación AtlantTIC
súmanse á lista de centros da Universidade de Vigo que contan co
Distintivo de Igualdade,
que obtiveron na terceira edición desta convocatoria. A UVigo conta
xa cunha lista de dez centros co recoñecemento: a Facultade de
Filoloxía e Tradución, o Centro de Investigación Mariña, a
Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de
Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o
Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias
Económicas e Empresariais.
O
Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de seis anos e os tres
centros seleccionados recibirán un vinilo e unha achega de 3.000
euros para investilos en novas actividades e políticas de xénero.
Este outórgase a todos os centros que acaden un mínimo de 80 puntos
atendendo a criterios como a inclusión da perspectiva de xénero nos
plans de estudo e liñas de investigación e de transferencia, a
organización de actividades que contribúan á sensibilización ou o
grao de composición paritaria dos órganos de goberno.
Nesta
terceira convocatoria o centro con mellor puntuación foi a Facultade
de Dereito do Campus
de Ourense, que obtivo 89 puntos. A comisión valorou o feito de que
tanto nas actividades docentes como en seminarios do centro se
aborden contidos relacionados coa igualdade.
A
Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, con 87 puntos, e
AtlantTIC,
con 86, son as outras dúas candidaturas. En ambos casos, recalca a
directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, “existe unha
longa tradición de persoas moi implicadas, como por exemplo no
programa Elas
Fan CienTec
para o fomento de vocacións STEM entre as mozas”.
A
comisión avaliadora, ademais do reitor, Manuel Reigosa, e da
directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, estivo formada por
catro expertas en igualdade e inclusión: Elisabet Mas de les Valls,
docente da Politécnica de Catalunya; Concepción Torres, da
Universidade de Alacante; M. Lluïsa Faxedas, da Universidade de
Girona e Mar Sobral, profesora da Universidade de Santiago de
Compostela.
