Desenredado los blogs, o novo e-book de balde de Manolo Rodríguez

luns, 7 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O xornalista de La Opinión e autor do blog Desenredandolared (situado entre as 60 páxinas web galegas máis populares segundo o noso Top 100) continúa a súa teima de compartir os seus coñecementos en liña, e vén de publicar o seu terceiro libro electrónico de balde no seu espazo en liña: Desenredando los blogs.
Rodríguez xa publicara a novela de ficción La princesa de los apóstoles, que superou as 5.600 descargas; o ano pasado recompilara as mellores entradas do seu blog nun e-book que leva unhas 1.100 descargas; e agora atrévese cun volume en PDF de 177 páxinas que recolle trucos para escribir unha entrada dun blog, pautas para promocionar os artigos, consellos a ter en conta á hora de buscar ter un bo blog, recompilacións de ferramentas de balde que poden resultar de utilidade para publicar na web e incluso algunha reflexión persoal que poderá resultar de utilidade para todo o que queira animarse a entrar no mundo do blogging, que aínda que nos últimos anos perdeu moito peso fronte ás redes sociais, segue a ter moita importancia, principalmente polo seu carácter público.
Para poder descargar de balde esta nova publicación de Manolo Rodríguez só é preciso subscribirse ao boletín por correo electrónico do seu blog, recibindo acto seguido as ligazóns para descargar os seus e-books totalmente de balde.

JPEG - 253.2 KB
Manolo Rodríguez nun relatorio sobre a creación de blogs no espazo de coworking WeKCo

PUBLICIDADE