Desenvolvida dende Ourense unha pioneira aplicación de análise da calidade de software

venres, 3 de novembro do 2017 Redacción

O enxeñeiro informático da Universidade de Vigo Michael García vén de crear unha ferramenta pioneira na análise da calidade do software feito con Fortran, linguaxe de programación moi acaída para a computación científica e o cálculo avanzado. Trátase da ferramenta FortranAnalyser, unha innovadora aplicación que é quen de facer cousas como comprobar métricas consideradas como boas prácticas de programación. A tecnoloxía, segundo informa a Universidade de Vigo, xa ten espertado o interese de investigadores da NASA.
O desenvolvemento deste ferramenta, explica o investigador do Grupo EPhysLab do campus de Ourense, xurdiu no marco do traballo fin de mestrado en Enxeñaría Informática que realizou baixo a dirección dos profesores Juan Antonio Añel e Javier Rodeiro, e que recentemente recibiu un dos galardóns do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Neste traballo, Michael García estudou a reproducibilidade computacional do CMIP 5, a fase cinco do proxecto internacional de intercomparación de modelos climáticos do Programa Mundial do Clima de Nacións Unidas, que abrangue desde 2008 a 2015. Segundo explica García, “para o informe de Nacións Unidas sobre cambio climático fanse unha serie de simulacións do clima con modelos, e eses modelos son os que eu estudei”.
A análise da dispoñibilidade consistiu en comprobar a facilidade de acceso ao código dos 26 modelos que conforman o CMIP 5, analizándose as licenzas asociadas a cada modelo. A cada un deles asignóuselle unha valoración, outorgando cero estrelas no caso de non dispor do código; unha estrela no caso de obter o código tras contactar coa institución; dúas estrelas se o código está dispoñíbel na páxina web da institución e a última estrela asignóuselle en base ao tipo de licenza asociada ao modelo: media estrela se é tipo BSD ou similar e unha estrela se é tipo GPL ou similar. Dos oito modelos dos que se conseguiu o código, sete obtiveron un informe de dispoñibilidade favorábel.
A análise da calidade dos modelos foi a que xerou a problemática que deu lugar á creación de FortranAnalyser. Segundo engade García, “a linguaxe de programación na que están desenvolvidos os modelos é Fortran. Ante a inexistencia dunha ferramenta que fose capaz de analizar o código estaticamente comprobando métricas consideradas como boas prácticas de programación, vímonos obrigados a desenvolver unha propia, a que chamamos FortranAnalyser”. Esta aplicación, máis en detalle, é unha ferramenta multilinguaxe de análise estática de código Fortran para plataforma Linux.

PUBLICIDADE