Dez consellos para unha compra segura de software no Nadal (segundo BSA)

mércores, 29 de novembro do 2006 Raquel Noya

Internet revolucionou o noso xeito de adquirir bens (e tamén males), e o impacto foi positivo abondo en moitos sentidos. Porén, a posibilidade de atopar acocho ou crear identidades falsas deu lugar a moitos usos indebidos e/ou ilegais, e os sitios web de poxas convertéronse nun dos mercados favoritos de aqueles que venden software sen licenza ou pirateado, segundo informa Business Software Alliance (BSA) nun comunicado emitido con vistas ó Nadal que xa se nos vén enriba. Neste comunicado BSA lémbralles ós internautas (unha vez máis) unha das súas principais mensaxes: “os efectos de usar software pirata poden chegar a ser moi serios e traer consecuencias económicas no mellor dos casos e, as máis das veces, os consumidores enganados non obteñen o reembolso das súas adquisicións”.
Deste xeito, para contribuír á cura de saúde dos internautas, BSA achega dez prácticos consellos para ter en conta antes de mercar software por Internet (sempre e cando non optemos polo equivalente en software libre, claro). Aquí os incluímos, reproducidos como veñen “de fábrica”:
1) Confía no teu instinto e comproba que o prezo fixado polo vendedor en liña coincide co das tendas, pois de tratarse dun produto barato de máis poderías estar perante un fraude. Internet non agasalla, tamén vende (BSA dixit).
2) Asegúrate de que é auténtico e desconfía dos produtos de software que non inclúen probas de autenticidade, manuais, licenza, políticas de servizo ou garantías.
3) Le a etiqueta e empresta especial atención ós produtos que non semellan ser os orixinais.
4) Ten especial coidado cos back-ups pois é un claro indicio de que o software é ilegal e asegúrate de non recibir unha versión promocional ou educativa no canto da orixinal.
5) Dubida das compilacións que che ofrezan distintos títulos de software de diferentes fabricantes nun mesmo CD, pois é un claro sinal de que foron pirateados. Asegúrate de que cada programa vai nun disco por separado.
6) Consegue, se é posible, o enderezo do vendedor para poder contactar con el logo de facer a compra no caso de adquirir un produto defectuoso ou pirata.
7) Garda os recibos e toda a información que sexa posible acerca da transacción e do vendedor, pois axudarache no caso de adquirir un software ilexítimo e emprender accións legais.
8) Empresta especial atención cando trates con vendedores de software de outros países pois a distancia física ou as diferenzas nos sistemas legais, entre outros factores, poderían complicar as cousas se hai problemas coa transacción.
9) Procura unha marca de confianza dunha organización recoñecida para asegurarte de que o vendedor en liña é fiable e ten unha probada traxectoria de clientes satisfeitos.
10) Antes de facer unha compra, investiga todo o que poidas acerca do vendedor ou fabricante e comproba a súa clasificación e prestixio, así como os comentarios de outros usuarios.

PUBLICIDADE