Docuten avanza en excelencia coa migración dos seus servizos a Microsoft Azure

martes, 20 de abril do 2021 S. P.

Brais Méndez, director executivo (CEO) de Docuten

Docuten, referencial plataforma galega de dixitalización administrativa, vén de dar un novo e decisivo impulso á excelencia dos seus servizos de sinatura dixital e factura electrónica. Fíxoo coa súa migración a Microsoft Azure, un movemento estratéxico que, en palabras da empresa galega, “non só afianza unha garantía plena de seguridade senón que tamén permitirá a Docuten integrarse plenamente na rede de partners de Microsoft”. Con esta migración, de feito, a empresa convértese nun dos principais fabricantes de software con solucións de sinatura dixital avalado pola multinacional de Windows en España.
O obxectivo común de ambas as compañías é “a mellora continua da dixitalización nas empresas”. En palabras de Brais Méndez, director executivo e fundador de Docuten, “comprobamos que o paradigma que nos tocou vivir e a nova realidade acelerou o impulso dixital das compañías, que buscan ferramentas na nube que lles permitan continuar traballando en remoto e optimizar os seus procesos internos. Isto implica que todo o que até agora se traballaba en contorna local, agora se teña que xestionar na nube, o que supón un aforro espectacular de custos e un aumento exponencial da eficiencia empresarial”.
Dende Docuten recoñecen ter valorado “gran variedade de parámetros” antes de decidirse a usar a plataforma de Microsoft Azure, e “tanto a seguridade como a privacidade foron determinantes”, indican, engadindo que, en virtude desta estratexia, a súa solución de firma dixital e factura electrónica “ofrécese nun modelo de servizo, o que facilita enormemente a adopción por parte das empresas que non necesitan dedicar recursos á adquisición nin á administración de sistemas”. E co engadido extra, para as empresas, de ter sempre os seus datos dentro da Unión Europea.
“Os servizos de Microsoft Azure están apoiados polas máis esixentes certificacións internacionais, incluíndo o Esquema Nacional de Seguridade, polo que os datos sempre van estar seguros, redundados e dispoñíbeis”, comenta Ángel Aparicio, CPO e co-fundador de Docuten.

PUBLICIDADE