A USC celebra a graduación da primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial
venres, 5 de xuño do 2026
A Universidade de Santiago fixo balance de éxitos do seu Grao en Intelixencia Artificial, que iniciou a súa andaina no curso 2022-2023 cando “a intelixencia artificial comezaba a consolidarse como unha das tecnoloxías con maior potencial transformador para a economía e a sociedade”.
Catro anos despois, coincidindo coa aposta de empresas, administracións públicas e organizacións de todo tipo por acelerar a incorporación destas ferramentas aos seus procesos, a USC celebra a consecución dun fito: o fin da etapa formativa da primeira promoción de profesionais formados especificamente para enfrontar os retos desta nova era tecnolóxica.
“Trátase dunha efeméride especialmente sinalada e simbólica”, en palabras da USC, que pon en valor “a consolidación dun modelo formativo que apostou desde os seus inicios por combinar excelencia académica, investigación de vangarda e contacto directo cos desafíos reais da contorna profesional”.
A USC engade que un dos trazos diferenciais do Grao foi “a estreita colaboración establecida entre a USC e o tecido socioeconómico”. A través da Rede ECIA (Entidades Colaboradoras na Formación en Intelixencia Artificial), formada por un total de 30 organizacións, distintas empresas, administracións públicas, centros tecnolóxicos e de investigación ou agrupacións sectoriais, participaron activamente na formación do alumnado. Esta colaboración materialízase mediante a proposta de casos de uso reais para as materias de proxecto integrador, a acollida de estudantes en prácticas e a participación de profesionais externos en labores de mentoring. Actualmente, 47 profesionais colaboran neste marco, contribuíndo a achegar a realidade do sector ás aulas universitarias.
A experiencia adquirida durante estes catro anos será obxecto de análise e recoñecemento nunha xornada específica celebrada na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC(ETSE), que reunirá as entidades colaboradoras para poñer en valor o papel da cooperación entre a universidade e a sociedade na formación de talento especializado.
A USC lembra que a consolidación do grao estivo estreitamente vinculada á participación do CiTIUS, un centro co financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Dos 75 docentes que imparten docencia na titulación, 35 pertencen ao centro de investigación da USC. Se se consideran exclusivamente as materias de carácter tecnolóxico, a presenza do CiTIUS alcanza cerca do 70% do profesorado.
A contribución do centro esténdese tamén á actividade investigadora desenvolvida polo estudantado. Dos 35 traballos de fin de grao realizados por esta primeira promoción, 31 están a ser titorizados desde o CiTIUS. Ademais, estudantes da titulación participan regularmente en programas de bolsas de verán, bolsas de colaboración e prácticas formativas desenvolvidas en distintos grupos de investigación do centro.
“Esta conexión entre a formación e a investigación proporciona ao alumnado acceso directo a algunhas das principais liñas de traballo en intelixencia artificial desenvolvidas actualmente na USC, incluíndo tecnoloxías lingüísticas, IA segura, aprendizaxe e razoamento automáticos, robótica, computación de altas prestacións, realidade virtual e aumentada, visión por computador, ciencia e enxeñaría de datos e procesos, deseño electrónico de dispositivos intelixentes e imaxe hiperespectral”, engaden fontes da Universidade.
