Dominion acorda a compra de Phone House por 55 millóns de euros

venres, 14 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A multinacional española de prestación de servizos e solucións tecnolóxicas Dominion pechou un acordo co grupo británico Dixons Carphone para adquirir Phone House España, o principal distribuidor español de servizos de telecomunicacións multioperador. Con esta operación Dominion mellora a súa posición na atención das novas tendencias nos servizos para o fogar e as persoas e xestionará Phone House baixo o seu modelo de negocio Smart Innovation, no que a dixitalización é a chave.
O presidente de Phone House España, Fernando Urrutia, destacou que a súa entrada en Dominio «suporá un salto para o proxecto Smart House», mentres que o conselleiro delegado de Dominio, Mikel Barandiaran, salienta a necesidade «dun punto de venda próximo onde o consumidor centralice a crecente demanda de servizos tecnolóxicos», criterio que podería explicar que Media Markt tamén tivese interese nesta operación pese ao mal momento que están a pasar este tipo de establecementos (con numerosos peches e con exercicios rexistrando perdas).
A transacción, valorada en 55 millóns de euros a pagar en dous prazos, está suxeita á aprobación das autoridades españolas de defensa da competencia, confiándose en que poida completarse durante o terceiro trimestre do presente exercicio.

PUBLICIDADE