Dúas ducias de empresas fórmanse en Santiago no novo regulamento de protección de datos

luns, 25 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O pasado venres 22 de novembro celebrouse na sede da Cámara de Comercio de Santiago unha xornada sobre como adaptar as nosas empresas á nova Lei de Protección de Datos, que, como lembraremos, entrou en vigor hai un ano poñendo en xogo unha serie de obrigas importantes para os empresarios e os profesionais, como por exemplo garantir a privacidade da información dos usuarios en todos os elos da cadea de negocio, notificar violacións de seguridade cando estas afecten aos datos persoais ou contar con recursos especificamente destinados a a previr riscos de perda de información, entre outras disposicións. A xornada da Cámara, que se desenvolveu baixo o epígrafe Xa está a túa empresa adaptada á nova LPD?, dirixiuse a solucionar dúbidas sobre estas e outras obrigas.
A sesión informativa correu a cargo de Ramón Rey García, doutor en Dereito e que exerce en Castelao Abogados, firma xurídica especializada en varias materias relacionadas directamente coa cuestión (Dereitos de Autor, Propiedade Industrial, Novas Tecnoloxías e Protección de Datos), nas que é un referente a nivel galego e estatal (ten sedes en Santiago de Compostela e Madrid).
Ramón Rey debateu con máis de 25 empresas asistentes sobre: como está regulada actualmente a protección de datos de carácter persoal en España, se segue sendo obrigatoria a inscrición de ficheiros, cales son os principios que rexen en materia de protección de datos, se é importante a prestación do consentimento, cal é a idade para que os menores poidan prestar o seu consentimento en materia de protección de datos ou que é un delegado de Protección de Datos (DPD).
Co gallo da xornada, Castelao Abogados asinou un acordo de de colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago para ofrecer servizos xurídicos en estas materias a os seus asociados con interesantes descontos nos seus honorarios.