EGATEL anuncia un innovador sistema de comunicacións por satélite

luns, 22 de agosto do 2016 Redacción

Javier Taibo, director xeral de EGATEL, nunha imaxe do xornal Atlántico

Durante a visita ás instalacións en Ourense de EGATEL do conselleiro de Economía (visita da que falamos os días pasados dende Código Cero), Francisco Conde, a compañía tecnolóxica galega fixo unha serie de anuncios importantes sobre a súa actividade vindeira. Entre outras cousas, deu a coñecer que está a desenvolver os últimos detalles dun sistema de comunicacións por satélite que desenvolve coa compañía francesa Eutelsat e que vai posibilitar conectar con Internet calquera lugar do mundo, por moi en sombra dixital que se atope. Ademais, o sistema permitirá afianzar nestes territorios cobertura telefónica de baixo custe.
Estes anuncios foron achegados por Javier Taibo, director xeral de EGATEL. Taibo engadiu que a tecnoloxía está “en fase de industrialización”. Arestora, o principal usuario é Sigfox, a rede IoT (Internet das Cousas) de alcance mundial. Sigfox, como lembraremos, é unha iniciativa internacional para dar forma a unha rede independente e alternativa que sustente o vindeiro chanzo dos obxectos conectados. Sigfox traballa á súa vez con fabricantes referenciais como Texas Instruments, Atmel, Silicon Labs. Segundo engadiu Taibo, os impulsores da plataforma Sigfox están a tirar partido xa da devandita tecnoloxía de EGATEL e Eutelsat en países como Estados Unidos, Francia o Alemaña.

PUBLICIDADE