Francisco Conde salienta o músculo innovador de EGATEL

venres, 19 de agosto do 2016 Redacción

A empresa galega EGATEL, da que falamos recentemente para salientar a súa participación no proxecto Silva destinado a detectar e combater pragas nos bosques (e tamén para salientar o seu recoñecemento no novo Informe Ardán como a nosa firma máis innovadora), amosou este venres novamente o seu amplo potencial. Foi co gallo da visita ás súas instalacións en Ourense (na Tecnópole de San Cibrao das Viñas, Ourense) do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. O titular de Economía aproveitou a estadía nunha “empresa 4.0” como EGATEL para lembrar que a innovación e a internacionalización son, precisamente, as claves para o desenvolvemento empresarial cara á Industria 4.0.
Na súa visita Conde tamén fixo fincapé na importancia de apostar pola mellora das tecnoloxías para incrementar a competitividade do tecido empresarial galego, poñendo en valor o labor desenvolvido por EGATEL neste ámbito, “unha empresa na que máis do 40% do cadro de persoal se dedica a actividades de I+D+i”. Ao seu xuízo, “apostar pola innovación é clave para o espallamento internacional e a mellora da produción”, engadindo que EGATEL constitúe un exemplo do devandito, “xa que grazas á súa aposta pola innovación pasou de ser unha microempresa que naceu nun garaxe a ser hoxe en día un dos principais fabricantes de repetidores de televisión dixital terrestre en España estando presente en 25 países”.
Entre os proxectos innovadores que está a levar a cabo a firma ourensá, Conde puxo en valor o seu labor en sectores como o aeronáutico, a través de avións non tripulados, no vitivinícola e a través do Internet das cousas. E engadiu: “O coñecemento, a innovación e a internacionalización son tres vértices dos que está a tirar partido esta empresa como panca para o seu desenvolvemento”.

Novas axudas para a formación de traballadores e mandos intermedios empresariais en tecnoloxías da industria 4.0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases que regulan as axudas á formación en tecnoloxías da Industria 4.0, que facilitarán a adquisición, polos traballadores e mandos intermedios, de coñecementos empresariais en ámbitos como a robótica, o tratamento masivo de datos, a conectividade, a ciberseguridade ou a Loxística 4.0.
A convocatoria destas axudas está orientada a clústers e centros tecnolóxicos, que serán os encargados de presentar e coordinar proxectos formativos para grupos de polo menos cinco traballadores ou mandos intermedios de empresas galegas. O obxectivo é achegar, durante os próximos meses, formación especializada en tecnoloxías, procesos e metodoloxías da Industria 4.0 ao redor de 4.000 persoas.
A iniciativa pretende favorecer o impulso da fábrica intelixente e a empresa conectada en Galicia, apostando pola consolidación do novo modelo económico, a chamada Industria 4.0. Segundo o previsto nas bases publicadas hoxe, a Xunta investirá 700.000 euros, cofinanciados co Fondo Social Europeo, no desenvolvemento deste programa de formación específica dirixido aos organismos intermedios organizadores de plans formativos axeitados a estes obxectivos.
As axudas, ademais de beneficiar directamente aos traballadores ou cadros intermedios que participen nos proxectos formativos, contribuirán a que as empresas avancen no camiño cara o tecido empresarial intelixente. Cubrirán o 50% do custo das accións formativas, que contarán cunha duración presencial mínima de 30 horas para cada participante.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 19 de setembro e as accións formativas poderán levarse a cabo ata o 30 de xuño de 2017. A concesión das axudas resolverase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o tipo de proxecto, número de traballadores participantes, experiencia previa dos formadores ou a inclusión da actividade formativa nun plan estratéxico.

PUBLICIDADE