EGATEL equipa a rega agrícola dos máis avanzados sistemas de xestión e telecontrol

martes, 9 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega EGATEL, referente no desenvolvemento e fabricación de sistemas de transmisión de sinal TV e comunicacións vía satélite, é a firme líder un proxecto que facilita, optimiza, impulsa e rendibiliza os labores de rega agrícola. Estamos a falar do proxecto IOT@AS (Internet of Things & AgroSpaces), unha iniciativa para dar forma a unha innovadora plataforma aberta e intelixente para sistemas de telecontrol e xestión das zonas de regadío.
A tecnoloxía, que vén de comezar a súa fase de validación logo de tres anos de intenso traballo, está chamada a “resolver as problemáticas de interoperabilidade, eficiencia e conectividade dos sistemas existentes” nas explotacións agrícolas, informa EGATEL, que traballa neste desenvolvemento con outras tres empresas: Odin Solutions, Isotron e Tragsa, contando co apoio financeiro do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) a través do programa FEDER-Innterconecta.
Ao abeiro deste proxecto, EGATEL desenvolveu un novo terminal satelital avanzado e adaptado ás necesidades do mercado de IoT (Internet das Cousas) e contribuíu ao proxecto IOT@AS coa súa integración no novo sistema de telecontrol e xestión de zonas de rega desenvolvido polo resto de socios.
Segundo explica a devandita empresa, “as solucións obtidas aplican novas tecnoloxías de comunicacións, incluíndo as tecnoloxías dos obxectos conectados e protocolos interoperábeis e de baixo custo de produción á xestión integral e eficiente da auga e a enerxía en contornas agrícolas”.
Polo que respecta ás zonas obxectivo, son Galicia, Andalucía e Murcia, aínda que se expón que as solucións innovadoras poidan ser aplicábeis ao resto de España e con posibilidades firmes de comercialización a nivel internacional.
Recentemente, a plataforma presentouse á Comunidade de Regadores de Genil-Cabra, en Córdoba, en cuxo territorio realizáronse con éxito as primeiras probas de campo. Esta comunidade, integrada por 2.000 comuneiros, interesouse sobre todo pola interoperabilidade que proporciona a plataforma grazas, entre outros factores, á conectividade vía satélite para o control de bombeo desde estacións sen outro tipo de cobertura.
Até o vindeiro mes de xuño desenvolveranse novas probas de campo na Comunidade de Regadores de Val Inferior (Sevilla), para validar as solucións resultantes do proxecto e seguir estudando a súa capacidade de adaptación ás necesidades de cada emprazamento.
A orixe
O proxecto naceu en 2006 a partir da constatación de que as solucións tecnolóxicas actuais non cobren integramente as necesidades das comunidades de regadores e limitan as súas capacidades, ao non permitir unha xestión conxunta da auga e a enerxía.
A través das solucións obtidas, enmarcadas no reto da agricultura intelixente, conséguese unha meirande homoxeneidade no funcionamento dos diferentes sistemas de regadío a través do estándar MEGA, a a implantación de tecnoloxías que permiten facerlles seguimento para recoller datos en tempo real e mellorar a toma de decisións e a xestión remota mediante tecnoloxías sen fíos.

PUBLICIDADE