Economía lanzará un portal para axudar ás nosas PEME a anticiparse ao Brexit

luns, 18 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A saída do Reino Unido da Unión Europea vai guindar, queirámolo ou non, unha serie de desafíos económicos importantes. Sobre todo se parte do noso mercado ten o seu piar no país. No camiño de facilitarnos as cousas, a Consellería de Economía anunciou a posta en marcha dunha plataforma dixital dirixida “ás empresas galegas interesadas en solicitar unha diagnose de cal é a súa situación e de como deben actuar ante o Brexit”. A plataforma foi dada a coñecer hoxe polo conselleiro Fancisco Conde. Foi na apertura dunha xornada na que se tocaron estes e outros temas: Galicia ante o Brexit.
Conde explicou que o devandito servizo dixital será de gran utilidade para as pequenas e medianas empresas, aínda que abranguerá recursos para todo tipo de iniciativas empresariais, permitíndolles coñecer “de xeito personalizado” as consecuencias reais que pode chegar a ter a saída europea do Reino Unido no seu quefacer cotián. O que se busca, sinalou, é facilitar o camiño da anticipación: que as empresas poidan prever os cambios e programar medidas necesarias para converter o devandito proceso nunha oportunidade.
O foro, que se está a celebrar na Cidade da Cultura, conta tamén coa participación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da secretaria de Estado para o Comercio, Xiana Méndez, que participou na presentación da iniciativa xunto co titular de Economía. Trátase dunha xornada, organizada conxuntamente entre o IGAPE e o Estado, na que tamén asisten representantes da Comisión Europea, da Embaixada de España en Reino Unido e de diferentes empresas e organismos económicos co reto de trazar conclusións en común que axuden a actuar fronte ao Brexit. Así, destacou a importancia de marcar unha estratexia conxunta e que institucións, empresas e organismos implicados sigan traballando da man.

PUBLICIDADE