Edisa informa do espallamento do software Libra entre as principais empresas da nosa terra
xoves, 31 de maio do 2012
Edisa, con
sede principal en Vigo e centro de I+D en Ourense, vén de facer un novo reconto
de logros empresariais e de desenvolvemento. Segundo apunta no seu último
informe, facéndose eco dos máis recentes rankings
de empresas galegas, na actualidade trece das cen primeiras compañías da nosa
terra “son usuarias da plataforma Libra,
un sistema informático para a xestión empresarial que dá acubillo a un conxunto
de aplicacións totalmente integradas para cubrir tódolos procesos de negocio”.
Esta plataforma, que vén da man de Edisa, é hoxe en día un dos seus principais
activos, tanto a nivel de mercado español como alén do Atlántico.
No informe da empresa tamén se reflicte a cobertura
de Edisa en ámbitos de actividade: ata 60 sectores, salientando algúns de
primeira liña para a nosa economía contan a día de hoxe coa súa presenza. De
entre estes sectores cómpre salientar algúns de relevancia clave para a nosa
economía, como a pesca e os conxelados. “Nestes
intres”, informa a compañía galega, “as
principais empresas deste eido de actividade, que moven máis de 250.000
toneladas de peixe ao ano, son clientes de Edisa”. A implantación do
software Libra esténdese a toda a cadea de valor sectorial, cubrindo a
armadores, empresas de elaboración, distribuidoras e frigoríficos.
