Eero, unha proposta de rede Wi-Fi doméstica sen complicacións
martes, 3 de febreiro do 2015
Aínda que as redes Wi-Fi supuxeron un grande avance para a
conectividade doméstica, non son unha tecnoloxía carente de atrancos, e en
numerosos casos espallar a cobertura por todo un fogar é realmente complicado,
xurdindo zonas de sombra dende as que
resulta complicado gozar dunha boa conexión á Rede. Moitas son as solucións que
poden axudar a superar as eivas propias das redes sen fíos, pero agora dende os
EE.UU. chega unha compañía que promete unha solución case máxica, que eliminaría as complicacións para simplemente funcionar.
Eero sería a solución comercial que
buscaría crear unha rede Wi-Fi estable fuxindo da centralización nun único
router, e organizando unha malla de dispositivos que conseguirían unha mellor
cobertura por toda a casa e que confían que no fogar ordinario poida funcionar
con 3 elementos que se venderían por 299 dólares nun lote (podendo adquirirse
unidades adicionais a 125 dólares cada unha), prezos que valerían para quen
merque o produto agora, e que non o recibirían até o verán.
Actualmente xa existen numerosas solucións máis económicas baseadas na
instalación de repetidores Wi-Fi, pero Eero promete funcionar dun xeito máis intelixente do habitual, sendo capaz de
solucionar de xeito automático os problemas que poidan xurdir (por exemplo, o
sistema reiniciaríase en caso de detectar un fallo grave, evitando tal molestia
ao usuario).
Esta
tecnoloxía tamén facilitaría que puidésemos convidar a outros usuarios a conectarse
á nosa rede Wi-Fi, creándolles unha conta de convidados e evitando así que teñamos
que compartir un complicado contrasinal da nosa rede sen fíos.
Para redondear o produto, tamén prometen que estará actualizado constantemente,
principalmente para poder fornecer a nosa rede sen fíos da maior seguridade
posible.
Detrás deste desenvolvemento que levou un par de anos está Nick Weaver, un mozo
de 26 anos que xuntou forzas con Amos Schallich (anteriormente en Tagged) e
Nate Hardison (anteriormente en Parastructure) na Universidade de Stanford e
buscaron crear esta prometedora solución de hardware e software, que xa captou
a atención de investidores como First Round Capital, Menlo Ventures, AME Cloud
Ventures e Homebrew Ventures, e contou con mentores como Jon Rubinstein (ex-director
xeral de Palm que participou no desenvolvemento do AirPort e o iPod durante a
súa etapa en Apple).
Queda agora por ver se o produto cumpre co prometido e se o público está
disposto a pagar as cantidades que perseguen para ter unha rede Wi-Fi que
funcione satisfactoriamente e que non precise de coñecementos técnicos para a
súa instalación e xestión.
Vídeo de presentación de Eero