Elogia reformula a súa web cara a utilidade total no ámbito do comercio electrónico

mércores, 5 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A empresa Elogia, cos galegos Rubén Bastón e Rubén López Ferreiro á cabeza, vén de lanzar á Rede unha nova web dirixida a amosar tódolos segredos do comercio electrónico a quen estea a piques de iniciar unha andaina empresarial en liña ou para quen queira optimizar e rendibilizar un proceso xa en marcha. A nova páxina, unha remodelación do sitio corporativo tradicional de seu (elogia.net), artéllase agora cun obxectivo ben claro: axudar aos clientes a aproveitar Internet para vender máis. Para iso, os responsables de Elogia converteron a portada “nun sinxelo pero directo curso de mercadotecnia para comercio electrónico”, no que se explican os pasos para xerar vendas en liña, desde como xerar tráfico até os métodos para manter clientes no tempo, pasando polo aumento do interese e creación de compradores.
Todo isto”, sinala a empresa con sede en Vigo, “acompañado de detalladas explicacións das principais accións de mercadotecnia dixital que Eloxia pode aplicar en cada paso”.
Máis polo miúdo, a nova web de Elogia obedece ao posicionamento da axencia no concepto Mercadotecnia4eCommerce (Mercadotecnia para comercio electrónico), que tan bos froitos lle ten dado na súa andaina, mesmo chegando a convertela a finais de 2012, en palabras da propia empresa, “na primeira axencia española especializada neste puxante segmento de actividade que se mantén nun medre do 18% anual”. Para Rubén Ferreiro, CEO de Eloxia, esta nova web é o resultado dunha fonda reflexión interna e de meses de traballo: “Busca combinar a información sobre os servizos que ofrecemos cunha achega didáctica e con ánimo de utilidade para calquera negocio que se pregunte como debe facer para vender online”.
Lembrar que Elogia é unha axencia especializada na devandita estratexia da Mercadotecnia4eCommerce, con máis de 12 anos de experiencia e un equipo de máis de 70 persoas en Barcelona, Madrid, Vigo, Lisboa, Milán, México DF, São Paulo e Rio de Janeiro.